O BNG leva ao Parlamento galego o traslado da estación ferroviaria de mercadorías ao Polígono de San Cibrao
A Formación nacionalista instará ao Executivo galego a impulsar o traslado coa implicación de todas as Administracións e dar así resposta a unha reivindicación histórica do tecido empresarial e social de Ourense
Ourense, 25 de maio de 2026. O vindeiro mércores e no marco da Comisión 1º do Parlamento de Galiza, debaterase a PNL rexistrada polo Grupo parlamentar do BNG na que se reclama a implicación e o impulso da Xunta para a execución do proxecto de construción dunha nova estación de mercadorías ferroviarias no Polígono de San Cibrao das Viñas, en substitución da existente na estación Empalme de Ourense.
Para o deputado do BNG por Ourense Iago Tabarés “a iniciativa, lonxe de anuncios e declaracións vacuas, pretende comprometer á Xunta na activación deste proxecto porque en Ourense levamos décadas sen proxectos estratéxicos que melloren a cidade e a comarca e que permitan o seu desenvolvemento integral”.
Segundo o deputado Tabarés “o traslado da estación é un proxecto verdadeiramente transformador xa que permitirá facilitar e potenciar ás empresas o transporte de mercadorías por ferrocarril o situar a estación ao lado dos Polígonos industriais, reducindo o transporte por estrada que hoxe move máis de 120 mil camións, polo que tamén se reduciría a contaminación”.
Para a Formación nacionalista “non ten sentido o mantemento da estación de mercadorías na cidade de Ourense cando actualmente só recibe o 10% do tráfico ferroviario” e engaden, “ese traslado permitiría liberar máis de 140 mil metros cadrados no barrio da Ponte, que deberían aproveitarse para mellorar a integración da cidade con maiores espazos verdes e servizos públicos. En suma, mellorar o benestar cidadá ao tempo que se contribúe a un desenvolvemento económico e industrial sustentábel”.
A través desta iniciativa, desde o BNG insisten en que “o que pretendemos é a implicación real das administracións públicas, da Xunta, da Administración do Estado e das Administracións locais co progreso e co avance de Ourense”.