O BNG reivindica en Amoeiro o legado de Otero Pedraio como “unha defensa inquebrantábel de Galiza”
Ana Pontón: “Otero denunciou o feudalismo eléctrico de Fenosa, que hoxe segue plenamente vixente aínda que lle cambiaran o nome”
Agustín Gómez Bóveda: “A defensa da nosa terra, da paisaxe e da soberanía segue nacendo da mesma matriz ideolóxica que naceu en Trasalba”
O BNG de Amoeiro celebrou este sábado un acto de homenaxe a Ramón Otero Pedraio no que participaron a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón; o candidato do Bloque á alcaldía de Amoeiro, Agustín Gómez Bóveda; e o responsábel local da organización nacionalista, Marcos Blanco. O acto serviu para reivindicar a figura de Otero Pedraio e a vixencia do seu pensamento político, cultural e nacionalista nun contexto marcado pola defensa dos servizos públicos, do territorio e da lingua galega.
Ana Pontón definiu a Ramón Otero Pedraio como “un símbolo moral do nacionalismo” e destacou a súa “liña recta na defensa inquebrantábel de Galiza” mesmo nos momentos máis duros da represión franquista. A líder nacionalista puxo en valor o papel de Otero como referente ético e político capaz de “manter ergueita a bandeira de Galiza” nun tempo de persecución política e cultural.
A portavoz nacional do BNG puxo especial énfase na plena actualidade do pensamento de Otero, lembrando a súa denuncia contra “o feudalismo eléctrico de Fenosa”, nun acto en 1966 en Ourense, no hotel Roma, que se converteu “nunha protesta contra o encoro de Castrelo de Miño e que foi o primeiro mítin político da posguerra en Galiza”, lebraba Pontón. Neste sentido, advertiu de que “a nosa terra non pode seguir ao servizo das grandes transnacionais, das celulosas ou da megaminaría coa complicidade do Partido Popular”.
Pontón asegurou ademais que manter ergueita a bandeira de Galiza cobra máis sentido que nunca nun contexo de recortes e privatizacións do Partido Popular que están atacando a sanidade, a atención ás persoas maiores e o dereito á educación. “Esa bandeira significa defender a sanidade pública, a educación, a atención ás persoas maiores e unha Galiza de mulleres libres, iguais e vivas”, engadiu
Pola súa parte, Agustín Gómez Bóveda, proclamado candidato do BNG á alcaldía de Amoeiro, reivindicou a figura de Otero Pedraio como “a paisaxe galega feita palabra e sentimento” e como un dos grandes referentes do nacionalismo galego. O candidato do BNG destacou a importancia de Trasalba e Amoeiro como “xeografía sagrada” de Otero Pedraio e como espazo fundamental para a construción do pensamento galeguista contemporáneo.
Gómez Bóveda defendeu que as ideas de Otero “non son pezas de museo nin nostalxia do pasado”, senón “as raíces profundas sobre as que se ergue o nacionalismo moderno”. Neste sentido, afirmou que a defensa da soberanía, do rural, da paisaxe e do patrimonio “segue nacendo da mesma matriz ideolóxica que naceu en Trasalba”.
Bóveda tamén lamentou a escasa implicación institucional co “ano Oteriano” e chamou a “coidar e reivindicar o legado dun dos veciños máis ilustres de Amoeiro”.
No acto tamén participou Marcos Blanco, responsábel local do BNG de Amoeiro, quen reivindicou a dimensión política de Otero Pedraio e o seu compromiso coa soberanía nacional galega. Blanco asegurou que “Galiza segue sendo unha nación que navega entre a terra e a diáspora” e defendeu que o nacionalismo galego “debe seguir nacendo na honra da nosa xente e non nos despachos de Madrid”.
O acto rematou cun chamamento colectivo a manter vivo o legado político, cultural e nacional de Otero Pedraio, reivindicando o nacionalismo galego como ferramenta para construír “un País dono do seu propio destino”.