O BNG demanda no Parlamento galego a execución da autovía A-56 entre Ourense e Lugo
Segundo o deputado Iago Tabarés, “a construción da A-56 é fundamental para a vertebración do interior do país”
Ourense, 18 de marzo de 2022. O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, ven de rexistrar unha proposición non de lei relativa a execución da autovía A-56, con carácter inmediato, no que atinxe aos treitos Ourense-Cambeo, e Cambeo-San Martiño, instando á Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno do Estado a fin de que, sen máis dilación, acometa ditas obras.
Segundo o deputado por Ourense Iago Tabarés “o desenvolvemento económico e social dun territorio precisa dunha rede de infraestruturas, viarias e tecnolóxicas, que conecten entre si o país, e este con outros países e nacións”.
Para Tabarés, na actualidade “a Galiza interior carece de vías de comunicación que vertebren o territorio achegando os servizos á cidadanía e que amplíen ou cando menos, non limiten, as relacións industriais, comerciais, culturais e sociais con outras localidades”.
Lembran desde o BNG na súa iniciativa parlamentar que xa hai varias décadas deseñouse un mapa de estradas para a comunicación viaria na Galiza. En dita configuración contemplábase a necesidade de dotar ao interior dunha autovía que conectase as cidades de Lugo e Ourense, posibilitando a relación económica e social entre a zona Cantábrica e Norte de España co Sul de Galiza e co Norte de Portugal.
Pero malia o tempo transcorrido e a importancia económica e social da devandita autovía, “non só non existe previsión para o remate e entrada en funcionamento da infraestrutura, senón que non se está a executar obra en ningún treito, nin sequera está en proceso de adxudicación algunha obra que axilice a comunicación entre Ourense e Lugo”.
Desde a formación nacionalista, afirman que “o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana está a executar obras en Galiza, unicamente, en 39,88 km. da rede principal de estradas, non correspondendo ningún deles á denominada A-56 destinada a unir Lugo con Ourense”.
“Así pois, trala entrada en servizo do treito de menos de 10 km. entre San Martiño e o enlace norte de A Barrela, non hai avances significativos, nin previsión deles, no trazado do vial, básico para o desenvolvemento económico e social do interior de Galiza”.