O BNG esixe sancións a Seralia pola sua actuación coas traballadoras
O Grupo Municipal do BNG rexistra hoxe unha petición dirixida ao Alcalde para a elaboración dun informe municipal no que se avalíe a actuación da empresa e as posíbeis sancións derivadas do seu comportamento en relación ao despedimento das traballadoras o 2 de maio de 2014.
O portavoz municipal do BNG, Xosé Somoza, solicitou hoxe en nome do BNG que se realice unha avaliación das condicións en que a empresa Seralia esta a desenvolver a xestión da concesión da limpeza dos edificios municipais.
As traballadoras denuncian que a empresa non lles comunicou aínda a mutua á que teñen que dirixirse, que non contan co material de traballo necesario para desenvolver o seu traballo -calzado, uniformes, bolsas do lixo, papel-, que hai servizos que non se están facendo pola falta de organización da empresa, que segue sen haber unha ubicación física da empresa á que dirixirse e que permanece a preocupación pola inestabilidade laboral pois a día de hoxe non teñen constancia escrita da súa readmisión na empresa.
A empresa, que debía ter prevista a xestión a desenvolver unha vez entrase en vigor a concesión do servizo de limpeza dos edificios non só mantén unha actitude impresentábel coas traballadoras senón que nos prmeiros sete días de servizo non ten sido capaz de organizar o mesmo.
O voceiro do BNG, Xosé Somoza, lembrou que 'non é a única empresa concesionaria que dá problemas, malia que esta comece a dalos dende o minuto 1, pero si é outra proba máis da necesidade de remunipalización e xestión directa dos servizos públicos, evitando así que os intereses económicos estén por riba da prestación do servizo e das traballadoras.