O BNG exixe ao PSOE unha solución á situación do Goberno Municipal
As informacións que aparecen na edición de hoxe luns no Faro de Vigo veñen a demostrar de forma irrefutable a situación de tensión interna e de enfrontamento no grupo do goberno socialista de Ourense. A información sobre os gastos do grupo municipal do PSOE no Concello de Ourense trasluce unha serie de actuacións indebidas que provocan rexeitamento e descrédito. E non será o BNG quen empregue esta información para desprestixiar aínda máis á institución local.
O necesario finanzamento público das organizacións políticas ten como función contribuír a desenvolver ferramentas democráticas para a participación política, a mala praxe e a desinformación que contribúe a criminalizar estes mecanismos só serve a aquelas persoas ás que non lles interesa que amplos sectores da poboación participen activamente da vida pública. Ao tempo que o finanzamento dos partidos, existen os mecanismos de control deste finanzamento, neste caso concreto a través do Tribunal de Contas que audita os gastos dos grupos políticos municipais. Unha institución que garante que o uso dos cartos públicos van destinados a mellorar a participación e permitir o funcionamento independente das organizacións e non a calquer outro uso.
Situacións como as que hoxe vive o Concello de Ourense, en permanente desestabilización, provocan políticas erráticas e erradas. Estas políticas, aplicadas por un goberno que perde máis tempo en debates internos que en aportar propostas ou levar adiante as que outros grupos elaboran, contribúen ao deterioro da imaxe pública das institucións, neste caso a local, nun momento de gran cuestionamento do sistema.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG exixe ao goberno local que estableza as medidas oportunas para que este tipo de situacións non volvan a acontecer, nin gastos de difícil xustificación nin filtracións interesadas, e que co seu traballo diario contribúan de xeito activo a dignificar unha práctica política que día a día cos seus actos parecen querer desprestixiar.
Ourense, 29 de abril de 2013