O PLAN DE ESTRADAS DA XUNTA PREXUDICA A MOIT@S VECIÑ@ DE OURENSE

O PLAN DE ESTRADAS DA XUNTA PREXUDICA A MOIT@S VECIÑ@ DE OURENSE

O BNG foi o único grupo parlamentar que presentou alegacións ao tempo que pedíu a retirada do Plan Sectorial de Estradas da Xunta por considerar que non daba respostas ás demandas sociais.

Marcos Ferradás, reponsábel comarcal, denunciou o obscurantismo e a falta de información por parte do goberno galego e dos gobernos dos concellos máis afectados, motivo polo que o BNG iniciou unha campaña informativa para facilitar información e explicar cómo prexudica o plan a cada unha das zonas afectadas polos trazados.

No concello de Ourense, as xuntanzas xa se levaron a cabo nas AAVV de Velle e Santa Cruz de Arrabaldo onde o grupo municipal detectou gran descontento por parte dos veciños e veciñas cara o concello de Ourense por non terlles informado da situación e ao tempo manifestaban, como explicou a concelleira Susana García, preoucpación polas vivendas e as terras afectadas e porque os trazados eran un despropósito ao romper a vertebración dos pobos.

Na parroquia de Velle pretenden facer unha vía para enlazar a futura autoestrada de Lugo coa circunvalación de Ourense. Esta obra causaría un gran impacto social e medioambiental e non resposta a ningunha necesidade actual. Éste tamén é o caso de Santa Cruz de Arrabaldo onde, como aclaraba Susana García, retoman un proxecto de enlace coa A-53 cun deseño igual o que foi anulado polo TSXG e que xa no seu momento causou gran malestar entre a cidadanía.

A deputada, Tereixa Paz, apuntou que a Xunta ocultou a planimetría do plan no tempo de exposición ao público polo que moitos veciños e veciñas se están enterando agora a través da información facilitada polo BNG.

Neste plan sectorial hai unha parte que os nacionalistas comparten e é a que se refire á mellora e acondicionamento da rede viaria e que afecta a estradas locais e comarcais. Porén, amosan o seu rexeitamento á que ten a ver coas novas infraestruturas que son maiormente vías de alta capacidade que non se xustifican nin dende o punto de vista económico nin social.

Un dos concellos máis afectados é o de San Cibrao, onde as veciñas e veciños xa constituiron unha plataforma da que ten participado o BNG. En San Cibrao, unha grande parte do seu territorio está afectado por este plan que ademais do impacto social que produciría -moitas vivendas se verían afectadas- é irreal xa que a Xunta xustifica o trazado para concectar estradas e infraestruturas que non se van construir a curto nin medio prazo. Falamos da autoestrada a Ponferrada ou do polígono do Val da Rabeda.

Tamén é chamativo, comentaba a deputada nacionalista, que se pretenda facer unha nova vía para conectar o polígono de Pereiro co Pinto e que esta nova estrada pase a carón da casa de Baltar.

O BNG censura que o goberno do PP só lle ofreza a Ourense este plan de estradas -investimento previsto 161 millóns de euros- cando na situación económica actual Ourense precisa doutro tipo de investimentos. Seguimos á cabeza no incremento do desemprego, na perda de poboación, con máis de 50 ERE's no que levamos de ano, co incremento das listas de espera e a Feijóo só se lle ocorre ofertarnos este plan que no caso de obter financiamento beneficiaría as grandes empresas, nunca as pemes ourensáns.

A oposición do BNG con este proxecto traducíuse xa na presentación de mocións nos concellos de San Cibrao e de Pereiro e está previsto presentalas tamén noutros concellos afectados. Asemade, no Parlamento pedirase a apertura dun novo período de exposición ao público para que os veciños e veciñas poidan presentar alegacións.

O PLAN DE ESTRADAS DA XUNTA PREXUDICA A MOIT@S VECIÑ@ DE OURENSE