O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas en apoio da ILP en defensa da atención primaria

LUÍS SEARA, IAGO TABARÉS E RHUT REZA
Luís Seara, Iago Tabarés e Rhut Reza en rolda de prensa

Desde a formación nacionalista denuncian a situación crítica que atravesa a atención primaria e a sanidade pública galega no seu conxunto, deterioro que, segundo o BNG, fica máis patente neste periodo de verán onde a non substitución de profesionais, o colapso dos servizos ou o deterioro do centros de saúde e PAC´s son unha constante ao longo de todo o país

O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas en apoio da ILP en defensa da atención primaria

Ourense, 23 de agosto de 2022. “O dereito á saúde é un dereito fundamental”, con estas verbas iniciou a súa comparecencia diante dos medios o deputado nacionalista por Ourense no Pazo do Hórreo Iago Tabarés, quen compareceu acompañado do portavoz municipal e candidato á alcaldía do Concello de Ourense Luís Seara e a concelleira Rhut Reza.

Para Tabarés, “ese dereito non é en abstracto senón que ten a súa concreción no mantemento dun sistema sanitario público”. Desde a formación nacionalista advirten un recorte no orzamento para a sanidade pública que a día de hoxe aínda ten 47 millóns de euros menos dos que dispuña hai 13 anos.

Igualmente denuncian que malia saber desde hai anos que cumprían máis profesionais, non se preocuparon en cubrir todas as prazas existentes. Tamén denuncian o avance na precariedade laboral, chegando unha profesional a ter que prolongar a súa xornada para cubrir o traballo que terían que facer 3 ou 4 persoas, todo iso con contratos precarios e cun maltrato permanente que fai, por exemplo, que dos 89 MIR de familia que remataron este ano soamente 30 aceptaran quedarse.

Para o deputado Iago Tabarés, “agora por riba pretenden que aceptemos como normal a falla de atención, días de agarda para ter unha cita, miles de galegas e galegos sen médico de referencia, PAC´s sen médicos, nenas e nenos sen pediatra ou mesmo falla de ambulancias”, ao que engade, “namentres iso ocorre, hai un drenaxe constante de pacientes á sanidade privada”.

Tabarés lembrou o acontecido nos últimos días no centro de saúde de Baltar, no Concello de Sanxenxo, onde unha doente faleceu pola falla dunha ambulancia que o trasladase, para advertir que “no BNG estamos fartos das mentiras do PP e de que reparta culpas cando son os máximos responsables do desmantelamento. É urxente tomar medidas porque a atención primaria é a base do sistema, se cae, derrúbase o resto”

Por estes motivos, anunciou que o BNG iniciará nos vindeiros días unha campaña de recollida de sinaturas en apoio da ILP en defensa da atención primaria e na que se reclama entre outras cousas, “aumentar o orzamento destinado á atención primaria até chegar ao 25%, se ben é certo, no inmediato a suba tería que ser do 2,2%, é dicir, máis de 200 millóns de euros”.

Cómpre incrementar e garantir a estabilidade dos cadros de persoal para que teñan tempo de atender aos pacientes e rematar coa precariedade, a explotación e as condicións laborais co fin de garantir a calidade asistencial e a conciliación laboral e familiar”.

Iago Tabarés tamén solicitou a posta en marcha “dun plan de retorno, captación e fidelización de profesionais así como a incorporación de categorías novas como poden ser psicoloxía clínica, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos, ou traballadores sociais entre outros”.

Campaña na cidade

Pola súa banda o portavoz do Grupo Municipal e candidato á alcaldía polo BNG Luís Seara lembrou todas as iniciativas que desde o BNG se levan presentado no Concello de Ourese. Reclamou unha vez máis a construción do centro de saúde do Vinteún e un novo para o barrio de Mariñamansa e mesmo, e tal e como reclamaron os nacionalistas a través dunha moción en pleno, a construción dun novo na zona histórica da cidade.

Seara avanzou que a recollida de sinaturas iniciarase o vindeiro xoves día 25 e extenderase até o mércores 31 coa instalación de mesas ás portas dos principais centros de saúde da cidade, “estaremos no Couto, na Ponte, na Cuña, en Valle Inclán e na Carballeira para recabar o apoio de todas as veciñas e veciños que se queiran sumar e instámolos a facelo xa que a sanidade é un dos piares básicos do Estado de benestar”.

O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas en apoio da ILP en defensa da atención primaria