O BNG urxe a finalización das obras nas rúas Salto do Can e Carballo en Rabo de Galo
A demora na execución das mesmas está a causar graves problemas de accesibilidade á veciñanza da zona que alerta que de producirse unha incidencia, os equipos de emerxencia non poderían acceder ás vivendas
Ourense, 18 de agosto de 2022. O pasado mes de febreiro comezaban as obras de acondicionamento da rúa Salto do Can e da rúa Carballo, en Rabo de Galo. Unhas obras cuxo orzamento ascende a algo máis de 920.000 euros e cuxo prazo de execución era de 6 meses, prazo que a día de hoxe e polo estado actual dos traballos, non se vai cumprir.
Ao longo dos últimos meses teñen sido moitas as queixas veciñais diante dunhas obras que supuxeron o levantamento total das rúas a un mesmo tempo, orixinando graves problemas de accesibilidade para a veciñanza da zona, moita dela de avanzada idade e que precisa do vehículo para desprazarse. Nos últimos días e pese a que as choivas non foron intensas, o estado das rúas provocou escorregamento de terras.
O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense visitou en varias ocasións as obras en atención as queixas e reclamacións veciñais. Recentemente, o portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara e a concelleira Rhut Reza acudiron de novo á zona para comprobar que os traballos, retomados hai algúns días, avanzan moi lentamente.
Para Luís Seara “as obras están lonxe de rematarse e polo tanto continuarán ocasionando graves problemas de accesibilidade a toda a veciñanza da zona xa que levantaron todas as rúas a un tempo. Ademais coa chegada das chuvias, a zona pode volverse intransitable”.
Pero o certo é que o que máis preocupa a BNG e veciñas e veciños “é que de producirse unha situación de emerxencia, os equipos intervintes terían moitísimas dificultades de acceso xa que nin bombeiros nin ambulancias poderían acudir a moitas das vivendas xa que o estado das rúas fai imposible o seu tránsito debido ás fochancas, ao cableado e as tubaxes que están en superficie”.
Esta situación está a provocar tamén moitas dificultades para todos aqueles prestadores de servizos como poden ser empresas de paquetería, de butano, servizo de axuda a domicilio, etc... polo que desde o BNG urxen ao Goberno Local para que acelere o remate dos traballos.
Segundo Luís Seara, “as obras estiveron paradas durante algún tempo e non sabemos o porqué pese a preguntalo en pleno, agora parece que se retoman polo que pedimos celeridade na súa execución, que dita execución cumpra co proxecto inicial e que de cara ao futuro se planifiquen mellor este tipo de actuacións, executando por fases e non levantando todo a feito, o que orixina graves prexuízos á veciñanza e supón un risco en caso de emerxencia”.