O BNG recrimínalle a Jácome que non asuma a súa responsabilidade na perda da subvención do Estado para a reforma da Praza de Abastos nº 1
Desde a formación nacionalista lémbranlle que leva tres anos á fronte da alcaldía e que o groso da tramitación da mesma foi durante o actual mandato.
Igualmente aseguran que a maiores da perda da subvención, o Concello de Ourense terá que facer fronte a algo máis de 244.000 euros en concepto de xuros polos cartos adiantados no seu día polo Ministerio
Ourense, 26 de agosto de 2022. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicitou o pasado día 22 de agosto, acceso, vista e copia ao expediente relativo ás obras de reforma da Praza de Abastos nº 1. O acceso ao mesmo produciuse no día de hoxe, curiosamente, un día despois de que o Concello anunciase a perda definitiva da subvención.
Nel figura a última resolución remitida polo MITMA sobre a subvención concedida en 2015, con cargo ao 1,5% cultural, destinado a financiar traballos de conservación ou reforma de bens inmobles do patrimonio histórico para executar a reforma integral do edificio da Praza de Abastos nº 1 de Ourense, subvención que, á vista da mesma, “está definitivamente perdida”.
Dita resolución desmonta tamén toda a argumentación defendida por Jácome ao longo deste tempo xa que do historial dos feitos, despréndese que a meirande parte dos incumprimentos foron no actual mandato.
Para o BNG, efectivamente o PP é culpable de non xustificar en tempo e forma a primeira das anualidades que ascendía a 1.190.919,84 euros máis a parte correspondente ao concello e que ascendía a 641.168,23 euros, no prazo fixado, e dicir, 10 meses desde a data de formalización do prazo por parte do Ministerio.
Da resolución despréndese tamén que o concello solicitou varias prórrogas que tiñan que ver co inicio das obras, argumentando a necesidade de trasladar temporalmente ás praceiras e praceiros a unha ubicación provisional así como para a xustificación do primeiro dos pagos.
A non xustificación trascorridos os 10 meses preceptivos obrigou ao Ministerio a demorar o pagamento da segunda das anualidades prevista para o ano 2016 e extendela polo tanto aos anos 2017, 2018, 2019 e 2020.
Ao grupo Municipal do BNG chámalle poderosamente a atención que tal e como se recolle na resolución, “o concello non informou nin do inicio das obras nin remitiu a documentación preceptiva”.
A última prórroga concedida para a xustificación da subvención da primeira anualidade expiraba o 07 de outubro de 2020, concedéndose unha ampliación de 79 días naturais como consecuencia da pandemia da COVID-19 polo que o prazo finalizaba o 07 de xaneiro de 2021.
Outro dato a ter moi en conta segundo os nacionalistas é que o 07 de outubro de 2020 celebrouse unha reunión telemática na que se lle comunicou ao concello a imposibilidade de conceder unha nova prórroga.
A 07 de xaneiro de 2021, ao non cumprir o concello coas súas obrigas, unido a imposibilidade dunha nova prórroga, do que xa fora advertido, o 05 de febreiro remitiuse a proposta de liquidación da primeira e única anualidade concedida, é dicir, 1.190.919.84 euros máis 225.992,60 en concepto de xuros de demora, o que fan un total de 1.416.912,44 euros.
Outro dos aspectos relevantes da resolución e que demostran a nula capacidade de xestión do actual Goberno Local con Jácome á fronte é que tal e como se recolle, o 18 de febreiro de 2021 o concello envía ao Ministerio un borrador de nota de prensa, “nin tan sequera unha comunicación oficial”, no que asegura que xustificacarán as obras e no que anuncian a presentación de alegacións cando días atrás recibiran a proposta de liquidación.
O 02 de marzo de 2021 o concello remite 11 certificacións correspondentes a periodo que vai de marzo de 2020 a xaneiro de 2021 pero de xeito incompleto pois non inclúen a xustificación de abono ao contratista, algo que é imprescindible para a xustificación, e faino ademais, por un importe total de 949.324,85 euros.
Segundo o BNG e tal e como se recolle na resolución, parece incríble o proceder do concello xa que as certificacións, tal e como estipula a lei, deben ser emitidas mensualmente. Tal e como se recolle en dita resolución, neste caso parecen ser emitidas conxuntamente e unha vez se recibiu a proposta de liquidación e reingreso da subvención. Igualmente, ditas certificacións non contiñan toda a documentación polo que non poden ser tidas en consideración ao non incluir os xustificantes de abono ao contratista en cada unha delas.
Segundo Luís Seara, “non se xustificou a subvención nin en tempo, nin en forma nin coa documentación precisa e establecida pola lei”, e engade, “a responsabilidade de todo isto produciuse no actual mandato, con Jácome de alcalde e o PP como socio de goberno”.
“Este despropósito non soamente lle vai custar ás veciñas e veciños a perda de algo máis de 3,5 millóns de euros, pois o MITMA asumía o 65% do total da obra, senón que teremos que abonar máis de 244.000 euros en concepto de xuros de demora”.
Para o Grupo Municipal do BNG este feito é “dunha gran relevancia e amosa a desidia, o desinterese e a ineficacia do Goberno Local para defender e liderar os grandes proxectos do concello”, e engade, “resulta indignante que o alcalde lle bote a culpa aos demais, neste caso PP e PSOE, que a teñen, pero que non asuma a sua propia responsabilidade xa que leva na alcaldía tres anos sen facer absolutamente nada para tentar corrixir a situación”.
Seara vai máis alá ao afirmar que “mesmo parece que Jácome alédase de que o concello, e porén a veciñanza, saia prexudicada de todo este despropósito”.
Diante desta situación, desde o Grupo Municipal do BNG téñeno claro, “instamos ao Goberno Local a non acudir ao Contencioso tal e como ten previsto pois á vista dos feitos as posibilidade de reverter a situación son nulas e o único que provocará iso é que os xuros de demora sigan aumentando”.
“As veciñas e veciños non temos por qué seguir pagando a inoperancia, a incompetencia e a neglixente xestión levada a cabo en todo este proceso polo Goberno PP – DO”.
Por último, o candidato á alcaldía Luís Seara, lembrou que para o BNG “a Praza de Abastos é un dos grandes proxectos estratéxicos por todo o que implica a nivel social, económico e mesmo turístico polo que faremos todo o posíbel para reverter a situación actual”.