BNG insiste, para as rampas mecánicas da rúa Concordia cómpre informe da Dirección Xeral de Patrimonio
Así o volveron manifestar na xunta de área de urbanismo celebrada esta mañá e tal e como xa expuxeron no pleno do pasado día 03 onde o alcalde negaba precisar tal informe para a execución das obras
Ourense, 14 de decembro de 2021. No pleno do Concello de Ourense celebrado o pasado día 03 de decembro, no apartado de rogos e preguntas, o portavoz do BNG Luis Seara cuestionou ao alcalde sobre se a instalación de rampas mecánicas previstas na rúa Concordia contaban co informe preceptivo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza, imprencisdíbel para levar a cabo a obra "pois estamos diante dunha rúa con edificios catalogados".
A resposta do alcalde Gonzalo P. Jácome foi bastante airada, algo que xa non sorprende, alegando que dito informe non era preciso e mesmo acusando veladamente a determinados departamentos municipais de tentar torpedear a actuación.
O Grupo Municipal do BNG mantén a súa postura relativa á necesidade de contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza, pois tal e como puideron verificar os nacionalistas nos últimos días, "estamos diante dunha actuación proxectada sobre unha beirarrúa na que existen ata seis edificios catalogados e incorporados ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza".
"O citado catálogo, estaba incluído no PXOM de 2003 pero pese a ser este nulo por sentenza xudicial, a validez do catálogo derívase do disposto nos artigos 30.1 e 31.4 da Lei 5/2016 de 04 de maio do Patrimonio Cultural de Galiza, polo que segue vixente".
O portavoz nacionalista Luis Seara engade, "no artigo 30 referido aos Catálogos Urbanísticos de Protección de Bens Integrantes do Patrimonio Cultural, determina non só a inclusión do ben declarado senón da contorna na que se ubica".
"Os edificios mencionados contan cun ámbito de protección e a obra prevista atópase dentro dese ámbito de protección e xa non soamente por ser edificios catalogados de por sí, senón, e atendendo ao punto 5 do apartado 2 do artigo 38 da Lei 5/2016 do 04 de maio do Patrimonio Cultural de Galiza, por formar un conxunto".
O artigo 39 é moito máis explícito ao determinar que "as intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados así como no seu caso, no seu entorno de protección ou na súa zona de amortiguamento, terán que ser autorizadas pola Consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei".
Por todo o exposto, desde o BNG entenden que a intervención proxectada aínda non realizándose directamente sobre os edificios catalogados, si o fai sobre o seu ámbito de protección e polo tanto precisa non soamente dun informe técnico municipal senón tamén do ditame da Dirección Xeral de Patrimonio xa que todo o bordo inferior da rúa atópase catalogado.