O BNG interésase polos plans da Xunta no Estadio do Couto e urxe a unha reforma integral da instalación

PANORÁMICA DO ESTADIO DO COUTO
PANORÁMICA DO ESTADIO DO COUTO

O estado de deterioro e abandono da instalación, fai necesaria unha intervención integral que garanta a seguridade, a accesibilidade e contar cunhas instalacións modernas e cómodas para deportistas, empregados e seareiros

O BNG interésase polos plans da Xunta no Estadio do Couto e urxe a unha reforma integral da instalación

Ourense, 18 de xuño de 2021. Ante o inminente remate das competicións, o Grupo Parlamentar do BNG no Parlamanto galego ven de rexistar unha serie de iniciativas co obxecto de coñecer os plans da Xunta de Galiza en relación ao Estadio do Couto, da súa propiedade, e o cal se atopa nunha lamentable situación logo de anos de abandono e desleixo por parte da administración galega que, a base de remendos nos últimos anos, evitou abordar o verdadeiramente necesario, unha reforma integral da instalación.

Na Proposición non de Lei presentada, advírtese do lamentable estado no que se atopa o estadio da terceira cidade do país e que como consecuencia de acoller a dous clubes, soporta unha importante actividade deportiva, con partidos todas as semanas, e unha elevada presenza de seareiros.

Partidos que, dado o mal estado do céspede supoñen un serio risco para a integridade física dos xogadores, unha tremenda incomodidade para os seareiros polo total abandono e deterioro que presentan as bancadas, e mesmo para as profesionais dos medios de comunicación que cobren a información deportiva polo deplorable estado no que se atopan as cabinas de retransmisión.

Banquiños destartalados, cristais rotos ou infraestruturas eléctricas á ras da parede co cableado á vista e ao albur das inclemencias meteorolóxicas, completan unha primeira visión do estado do principal campo de fútbol de Ourense. Na que tampouco pasan desapercibidas as fendas na estrutura da edificación das oficinas e vestiarios.

Desde o BNG lembramos, tal e como manifesta Iago Tabarés, un dos asinantes da iniciativa, que, "segundo as manifestacións do responsable de deportes da Xunta de Galiza en Ourense a finais do ano de 2018 elevouse unha proposta de reforma á Secretaría Xeral para o Deporte que entendeu a necesidade", e engade, "esa suposta comprensión non consta que tivera efecto práctico algún".

Como consecuencia de todo o anterior, o BNG solicitará no Parlamento galego instar a Xunta de Galiza a que de maneira urxente proceda coa reforma integral do Estadio do Couto.

O BNG interésase polos plans da Xunta no Estadio do Couto e urxe a unha reforma integral da instalación