O BNG demanda ante a Deputación de Ourense o fin da estafa da tarifa eléctrica
Bernardo Varela proporá á corporación provincial que rexeite a política enerxética do goberno do Estado.
Varela defende que a electricidade é un ben de primeira necesidade e como tal o seu IVE debe estar no 4%, acorde ao seu carácter básico
O voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, presentou unha proposición no ente provincial na que demanda unha nova regulación da tarifa eléctrica axeitada á realidade de Galiza.
O voceiro do BNG defende baixar o IVE da electricidade ao 4% de forma permanente, acorde ao seu carácter básico, suprimir o Imposto Especial do 5%, impedir que repercuta na factura o Imposto de produción do 7%, e ademais suprimir os cargos e peaxes que non teñen relación co consumo.
Varela tamén demanda que o prezo da enerxía se estipule en función dos custo de xeración de cada tecnoloxía. “Actualmente as tecnoloxías máis caras son as que marcan o prezo da luz, para que as empresas se enriquezan e non para sufragar os custes que soportan” afirma o voceiro do BNG , polo que demanda que o pleno do entre provincial se pronuncie a favor da modificación da Lei 24/2013 do sector eléctrico neste sentido.
Tal como indican os primeiros datos do ano 2021, afirma o voceiro nacionalista, Galiza segue sendo excendentaria en enerxía eléctrica e mesmo continúa aumentado a súa produción eléctrica respecto a anos anteriores. Polo que resulta inaceptábel que continuemos sen ter unha tarifa eléctrica galega que compense e abarate a enerxía e que permita ter unha tarifas máis competitiva para particulares e empresas. “Galiza é un país excedentario en enerxía eléctrica que xa paga a factura eléctrica máis cara do Estado e o incremento do prezo da luz supón un dos principais problemas para os galegos e galegas nun contexto de crise económica e con graves problemas nas economías familiares” di Varela.
Para o BNG a privatización do sector enerxético está na raíz do incremento continuado das tarifas eléctricas, situación que compre reverter cunha empresa pública galega que xestione e planifique a produción eléctrica no país, empezando por rescatar as centrais hidráulicas que están rematando as súas concesións. “non pode ser que os fogares e empresas galegas sigan pagando as portas xiratorias de PP e PSOE nos consellos de administración das eléctricas.”