O BNG lembra que leva desde 2023 reclamando a execución total do vial entre a N-525 e Barrocás e dille ao Goberno Jácome que unha vez máis “chega tarde” na súa reclamación

Desde a formación nacionalista recordan que dito proxecto foi obxecto de debate nos Plenos da Deputación e do Concello e lamentan que na nota de prensa remitida por este último, se faga mención ao acordo plenario acadado no mes de xaneiro “pero obviando nomear a quen impulsou dito acordo, é dicir, ao BNG”
Ourense, 10 de marzo de 2025. O 26 de agosto de 2023, comparecían na rúa do regato, cargos institucionais do BNG en Concello, Deputación e Parlamento de Galiza. O motivo non era outro que cuestionar o proxecto presentado días antes pola Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza naquela altura Ethel Vázquez.
O Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, recorda que “en canto coñecimos o proxecto, advertimos que o mesmo non é máis que un remendo que obvia o principal problema existente, o colapso da rúa Ramón Puga tendo en conta que autobuses, ambulancias, vehículos que acceden a urxencias e consultas, o tráfico ordinario que vai cara Barrocás e Rairo e os vehículos que entran e saen do aparcadoiro do Hospital están obrigados a acceder por unha vía dun único carril en cada sentido”.
Luís Seara ten claro que, “a construción total do vial de conexión entre a N-525 e Barrocás que defendemos desde o BNG, contribuiría notablemente á mellora da mobilidade da cidade no seu conxunto e na contorna dunha das infraestruturas chave”.
Pero a formación nacionalista foi máis alá, presentando iniciativas tanto no Pazo do Hórreo como na Deputación e máis recentemente, no Pleno do Concello do pasado mes de xaneiro. Paralelamente puxeron en marcha unha campaña informativa nos barrios afectados nos que a través do reparto de dípticos, informan á veciñanza do proxecto actual e da proposta defendida e que abrangue a construción da totalidade do vial até Barrocás.
Para o Grupo municipal do BNG “chama poderosamente a atención que ao longo de todos estes meses o Goberno Local estivera calado e mesmo desprezara as propostas que fixemos e facemos desde o BNG e que agora, de repente, poñan o grito no ceo diante dun proxecto presentado e coñecido desde agosto de 2023”.
Seara sinala que “en todo caso congratulámonos de que o Goberno Jácome se sume as nosas reivindicacións aínda que chegue unha vez máis tarde, algo que por certo xa vén sendo algo bastante habitual”, e engade, “en todo caso moito nos tememos que a posición do Goberno Local quedará soamente niso, nunha mera queixa e pouco máis”.
No BNG tampouco pasan por alto que na nota de prensa remitida polo Concello de Ourense se faga mención ao acordo plenario acadado no mes de xaneiro “pero obviando nomear a quen impulsou dito acordo, é dicir, ao BNG”.
