O BNG de Barbadás esixe ao Goberno Local o cumprimento íntegro do convenio asinado coa Asociación cultural Loiro na Memoria

Sarín Núñez, Portavoz BNG Concello de Barbadás
Sarín Núñez, Portavoz BNG Concello de Barbadás

Este mesmo luns e a través dunha moción rexistrada polos nacionalistas, os continuos incumprimentos do actual Goberno Local de Barbadás para coa Asociación Cultural Loiro na Memoria, serán obxecto de debate

O BNG de Barbadás esixe ao Goberno Local o cumprimento íntegro do convenio asinado coa Asociación cultural Loiro na Memoria

Barbadás, 09 de marzo de 2025. Tal e como expón o Grupo municipal do BNG de Barbadás na moción rexistrada para o Pleno que o Concello vai celebrar este mesmo luns, “a Asociación Cultural Loiro na Memoria desenvolve, e así o vén facendo desde hai anos, unha importante actividade dinamizadora na súa parroquia e no concello en xeral”.

Segundo sinala o Portavoz da formación nacionalista en Barbadás Sarín Núñez, “Se temos en conta os tempos da pospandemia, cando neste concello non se movía unha folla, a Asociación Cultural “Loiro na Memoria” puxo en marcha innumerables actividades tales como cursos ou actuacións musicais de grande relevancia, entre outras”, e engade, “o seu traballo estaba a anos luz do realizado polo resto do tecido asociativo, incluída a propia institución municipal”.

O BNG lembra que hai xa algúns anos asinouse un convenio de colaboración entre o Concello de Barbadás e a Asociación Cultural “Loiro na Memoria”, que incluía, entre outras cousas, as visitas guiadas ao Museo Etnográfico de Loiro e o seu mantemento. Este convenio estipulaba o abono dunha subvención de 4.000 € ao ano, con cargo ás partidas do propio Orzamento municipal.

O Grupo municipal do BNG denuncia que dita subvención reduciuse xa en tempos de pandemia “a 3.000 € e xa no último ano só se lles abonaron 1.500 €, cando o convenio segue vixente e especifica claramente a asignación de 4.000 € anuais. No BNG non estamos de acordo con este proceder, especialmente cando a propia institución municipal está a incumprir os convenios que asina co tecido asociativo”.

Sarín Núñez defende que “o convenio, tal e como está, debe seguir sendo válido e aplicarse tal como foi acordado mentres non se modifique oficialmente pois do contrario, o traballo desta asociación pode verse seriamente afectado, incluso chegando a suspender a súa actividade. Isto tería graves consecuencias, como o peche do Museo Etnográfico de Loiro, que debería seguir aberto e en funcionamento para orgullo da localidade e do Concello”.

En base a todo o exposto, o Grupo municipal do BNG solicitará o apoio do resto de Grupos da Corporación para esixirlle ao actual Goberno Local do PSdeG-PSOE, “o cumprimento estrito do convenio de colaboración asinado no seu día coa Asociación Cultural "Loiro na Memoria", incluíndo por suposto, o importe íntegro da subvención establecida no mesmo”.

O BNG de Barbadás esixe ao Goberno Local o cumprimento íntegro do convenio asinado coa Asociación cultural Loiro na Memoria