BNG leva ao pleno do Concello o futuro do casco vello
Revitalizar a zona do Casco Histórico é un dos obxectivos da moción presentada polos nacionalistas
O grupo municipal do BNG levará o futuro do Casco Histórico de Ourense ao pleno municipal para o seu debate. O peche de establecementos e o deterioro da vía pública e dos solares ubicados nesta zona da cidade son algunhas das problemáticas ás que se enfrontan na zona de Lepanto e A Paz. Instarán no pleno a facilitar a permanencia dos comercios así como revitalizar o casco histórico xerando actividade e servizos complementarios.
Despois de tres anos de que se constituíra a Mesa do Comercio Local no Concello de Ourense, para o BNG o resultado foi nulo. Unha representación gráfica é o actual estado do Casco Histórico, que "agoniza lentamente" para os concelleiros do BNG, desde a Praza Maior até o Xardín do Posío en rúas como Cervantes e Villar.
Atrás fican proxectos de dinamización como o plan URBAN, significando un impulso e permitiron melloras en dotacións termais, recuperación ambiental do río Barbala e do ámbito da Muiñeira, así como a promoción do pequeno comercio, humanización de espazos públicos ou a mellora da accesibilidade.
"A desertización comercial e residencial está a xerar unha fondo preocupación social, agravada polo anterior mandato, polo inmobilismo do Concello de Ourense para non arranxar esta situación" sinalou o voceiro do BNG. Seara tamén indicou que as "veciñas e veciños que se ven abandonas a súa sorte e exixen unha mellora das infraestruturas básicas obsoletas na súa totalidade".
Dende o BNG é prioritario que se desenvolvan políticas urbanísticas que permitan darlle un uso acaído para estes espazos e desenvolver usos diversos nos solares abandonados: "é preciso desenvolver un Plan de Dinamización Comercial que permita garantir a continuidade na actividade comercial e abrir novos locais comerciais" afirmou Seara, voceiro do BNG.
A agrupación do BNG no Concello de Ourense instará ao Goberno Municipal á activación, a travñes dunha Mesa do Comercio Local real, a elaborar e poñer en marcha un plan de dinamización comercial no Centro Histórico de Ourense. O obxectivo, ademáis de revitaliz o comercio local, tamén será ofrecer unha oferta complementaria ás iniciativas que se desenvolvan na área de turismo e termalismo. Así como xerar espazos e servizos complementarios contribuíndo á vertebración da cidade e á revitalización e humanización destas rúas.