Presas exixirá responsabilidades á Xunta de Galiza ante as irregularidades do novo Plan de Transporte
O BNG denuncia o exceso de viaxeiros e as deficiencias de seguridade dos autobuses
A deputada do BNG, Noa Presas, exixiulle seriedade á Xunta de Galiza ante ás irregularidades que rexistrou a Garda Civil no transporte escolar de Ourense. Presas indicou que volverán pedir explicacións en sede parlamentaria e unha "exhaustiva revisión" deste novo Plan de Transporte aprobado polo PP da Xunta de Galiza.
Na segunda semana do mes de xaneiro, a parlamentaria saíra denunciando publicamente a situación de "caos" que estaba tendo o transporte escolar coa nova implantación do Plan de Transporte da Xunta de Galiza. Xa o 29 de xaneiro demandaron dende o BNG, explicacións no Parlamento e advertiron do exceso de viaxeiros nas liñas de Barbadás e de deficiencias de seguridade na zona de Celanova.
Diante de que a Garda Civil detectara certas irregularidades en moitos dos autobuses do novo concurso a deputada do BNG comprometeuse a rexistrar novas iniciativas no Parlamento de Galiza para demandar explicacións á Xunta. As irregularidades rexistradas até o momento van desde o exceso de viaxeiros á falta de medidas de seguridade.
Para a deputada do BNG, Noa Presas, a Xunta de Galiza ten que corrixir este novo Plan de Transporte. "Estamos a falar da seguridade de todas as nenas e nenos da provincia de Ourense. Isto é un tema moi serio" indicou Presas. Asemade, a deputada adiantou que pedirán unha "revisión exhaustiva" deste novo Plan e de como se está levando a cabo.
"Miraremos se todas as traballadoras e traballadores están asegurados, de que todos os autobuses teñan acompañantes e que todos os autobuses teñan as necesarias medidas de seguridade así como que conten con toda a documentación preceptiva" indicou Presas.