O BNG leva á Deputación de Ourense unha moción de apoio ao sector agrogandeiro fronte ao acordo UE–MERCOSUR e os recortes da PAC
Bernardo Varela denuncia que o sector agrogandeiro “non precisa mans polo lombo nin falsas promesas, precisa accións políticas decididas” e reclama que as institucións se posicionen con claridade na defensa do campo ourensán
O portavoz do BNG na Deputación advirte de que o acordo comercial coa América do Sur, a reforma da PAC e a falta de medidas sanitarias fronte á Dermatose Nodular Contaxiosa poñen en risco a pervivencia do medio rural nunha provincia “cunha alta dependencia social e económica deste sector”
O portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, acompañado polas deputadas e deputados provinciais María Mangana e Xosé Manuel Puga, xunto á deputada do BNG no Parlamento galego, Sonia Vidal; o alcalde de Verea, Xosé Antonio Pérez Valado; o alcade de Vilar de Santos, Marcos Nogueiras, a tenente de alcalde de Maceda, Begoña Conde presentaron en rolda de presa unha iniciativa dirixida ao pleno da Deputación de Ourense de apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego, e especialmente do ourensán. Esta iniciativa nacionalista está en consonancia coas “reivindicacións xustas dun sector que leva semanas mobilizado por todo Ourense, demandando políticas que garantan o seu futuro nun territorio cunha alta dependencia social e económica da actividade agrogandeira”.
No contexto de mobilizacións que se veñen producindo desde finais de decembro en defensa da pervivencia do medio rural e dun sector estratéxico para a economía e a cohesión social ourensensa, esta iniciativa ven precedida polas xa presentadas ante o Parlamento Europeo, o Parlamento de Galiza, así como no Congreso e Senado, intitucións nas que as representantes nacionalistas deron voz ás necesidades da Galiza, e que se dará traslado da mesma aos diferentes concellos para que a presión en defensa do sector agrogandeiro galego se exerza tamén desde as institucións máis próximas á cidadanía.
A moción do BNG insta á Deputación a posicionarse ccontra o acordo comercial entre a Unión Europea e o MERCOSUR, por ter “graves repercusións no sector agrogandeiro galego pola entrada masiva de produtos agrarios procedentes de América do Sur, especialmente no sector avícola e da carne de vacún”. Bernardo Varela advertiu de que este acordo permitirá a entrada de “un volume de carne semellante á produción anual de Galiza, sen cumprir os requisitos que se lle esixen á gandería galega”, xerando unha competencia desleal e poñendo en risco explotacións familiares que sosteñen o territorio.
O portavoz nacionalista lembrou que se trata dun modelo “completamente contrario á descarbonización, á recuperación da biodiversidade natural, á soberanía alimentar e ao consumo de produtos de proximidade”, ademais de basearse en prácticas produtivas e condicións laborais que “non garanten nin os mesmos estándares sanitarios nin condicións dignas para a man de obra ”.
A iniciativa do BNG tamén expresa un rexeitamento rotundo á proposta da Comisión Europea de recortar en máis dun 22 % os fondos destinados á Política Agraria Común no período 2028/2034. Varela cualificou esta proposta de “totalmente inaceptábel” e advertiu de que suporía unha perda de máis de 84.000 millóns de euros para o sector agrario europeo, cun impacto especialmente grave en Galiza. “Se a PAC xa foi negativa nos últimos anos para o noso país, imaxinemos o que significará un recorte brutal deste calibre”, sinalou.
O BNG demanda que o novo período da PAC conte cun maior financiamento para Galiza e cunha distribución que teña en conta “as pequenas explotacións familiares, a permanencia no territorio, a loita contra o despoboamento e a remuda xeracional”, así como a mellora dos servizos públicos e un desenvolvemento rural produtivo e respectuoso co medio ambiente.
Outro dos eixos centrais da moción é a defensa da sanidade animal, ante a ameaza real da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). Bernardo Varela alertou de que a recente chegada desta enfermidade ao Estado sitúa a gandería galega “nunha situación de alto risco”, lembrando as perdas sufridas nos últimos anos por enfermidades emerxentes como a EHE ou a lingua azul. “É vital actuar con determinación, priorizando a prevención e a detección precoz, porque as consecuencias económicas dun baleiro sanitario serían devastadoras para un sector que move arredor de 3.000 millóns de euros anuais en Galiza”, subliñou.
Por iso, o BNG reclama a implantación inmediata da vacinación gratuíta contra a DNC por parte da Xunta de Galiza, así como medidas adicionais de prevención e indemnizacións xustas e actualizadas en caso de sacrificio de animais, acordes aos prezos reais de mercado.
A moción nacionalista tamén aborda a necesidade de reformar a Lei da Cadea Alimentar, que “lonxe de regular prezos xustos, está a servir para que a agroindustria impoña as súas condicións”. O BNG defende a creación dun marco galego de negociación de prezos, recuperando fórmulas como os contratos homologados, adaptadas á realidade produtiva do país.
Finalmente, Bernardo Varela puxo o acento na urxencia de reducir a carga burocrática que soportan as explotacións agropecuarias. “As persoas que viven do agro non precisan máis papeis nin máis obrigas administrativas, precisan simplificación, coherencia normativa e servizos públicos que faciliten a súa actividade”, afirmou, reclamando unha aplicación da PAC adaptada á especificidade galega e con criterios unificados entre administracións.
Este acordo é un acordo político, e despois do acordo dos Estados será o Parlamento Europeo quen teña que ratificar este acordo, e se os parlamentarios non o ratifican, este acordo non sairá adiante. Por iso con esta iniciativa as nacionalistas procuran que os representantes políticos se pronuncien co seu voto en contra deste acordo para decirlle aos representantes políticos das institucións que están por enriba que este acordo non vale. Pois, tal como sinalou Varela, até o de agora as iniciativas presentada polo BNG no Parlamento Europeo a través da Eurodeputada Ana Miranda, para parar este acordo, os votos dos outros representantes dos outros partidos foron en contra de parar o MERCOSUR.