O BNG urxe abrir o debate sobre un novo estadio no Couto e trasladará a súa proposta ao Pleno do Concello de Ourense deste venres

O Couto, este mesmo domingo 11.01.26
O Estadio do Couto, este mesmo domingo día 11.

Ao tempo, solicitará a intervención urxente da Xunta para a reposición do céspede co fin de garantir “o normal desenvolvemento da actividade futbolística e a integridade física das e dos deportistas que fan uso do mesmo”

O BNG urxe abrir o debate sobre un novo estadio no Couto e trasladará a súa proposta ao Pleno do Concello de Ourense deste venres

Ourense, 12 de xaneiro de 2026. O Estadio do Couto é propiedade da Xunta de Galiza. Actualmente, segundo denuncian desde o BNG, presenta diferentes deficiencias espaciais, patoloxías construtivas e problemas de accesibilidade e iluminación entre outras, ao tempo que resulta ser pouco operativo e funcional tanto para deportistas como para o público en xeral.

Tal e como sinala o Portavoz da Formación nacionalista Luís Seara, “pese as diferentes reformas e lavados de cara realizados nos últimos anos e cuxa última inversión total por parte da Xunta de Galiza acadou os 2.569.542,30 euros, dos cales 765.307,20 euros investíronse na reforma integral do terreo de xogo, non solventaron ningún dos problemas antes enunciados”.

E é que para o BNG, o estadio actual adolece de “deficiencias na accesibilidade, na iluminación, na sinalética, na megafonía ou na distribución dos espazos por exemplo, que fan que sexa necesario abordar de vez, o que resulta evidente, a construción dun novo Estadio do Couto” e engaden, “precisamos un novo estadio cómodo, accesible, dinámico, moderno e funcional, máxime cando a día de hoxe soporta unha importante e continua actividade ao ser empregado por dous clubs ao mesmo tempo”.

Desde o BNG, lembran que tanto no ano 2019 como no ano 2023 e con motivo das eleccións municipais, “presentamos unha proposta moi ambiciosa e completa que ao noso entender, trascende do ámbito futbolístico xa que contribuiría a paliar a carencia de instalacións deportivas na cidade, permitindo desconxestionar as actuais”.

A proposta que presentamos consiste na construción dun novo estadio nos terreos situados nas traseiras da actual bancada de fondo sur. Aí a Xunta de Galiza dispón xa hoxe en día, dunha parcela de 10.000 metros cadrados coa posibilidade de ampliala con outros 27.000 metros cadrados máis. Consideramos que O Couto e polo tanto a cidade en xeral, precisa infraestruturas e equipamentos e neste caso concreto, abogamos porque estes, estean vinculados ao ámbito deportivo”.

O Portavoz do BNG matiza que “o actual estadio, convertiríase nunha cidade deportiva, mantendo elementos históricos que permitan lembrar o pasado como é o caso da tribuna e a súa particular cuberta, que incluíse un campo de fútbol de herba sintética, un complexo multiusos, ximnasio e pistas polideportivas cubertas para o seu uso e disfrute en calquera época do ano”.

Segundo os nacionalistas, estamos diante dun “proxecto moi ambicioso pero crible e realizable desde o punto de vista urbanístico e desde o punto de vista económico. Cómpre apostar por proxectos realistas, transformadores e que verdadeiramente dean solucións e doten á cidade das instalacións e dos equipamentos que a veciñanza no seu conxunto demanda”.

Seara conclúe afirmando que “para facelo realidade, o concurso e a colaboración institucional é fundamental, motivo polo cal e a través da moción, poñemos enriba da mesa unha proposta moi concreta pero aberta ao debate, co obxectivo de sentar as bases dun verdadeiro proxecto de cidade que nos dote, neste caso concreto, das instalacións deportivas que precisamos e merecemos”.

O BNG urxe abrir o debate sobre un novo estadio no Couto e trasladará a súa proposta ao Pleno do Concello de Ourense deste venres