O BNG leva a pleno as queixas da AVV de O Pino
As melloras que precisa o barrio afectan a varias concellarías , medio ambiente, transporte, infraestruturas, tráfico, medio rural, etc
Ante as innumerábeis reclamacións das veciñas e veciños do barrio de O Pino, o grupo municipal nacionalista trasladará ao próximo pleno unha moción para que o goberno de Ourense consensúe con eles un plan de actuación que afecta a varias concellarías e así pór solución aos problemas de varios núcleos de poboación, a saber, Casardomato, San Pedro, Bobadela, Reza Vella, Santa Ana e a Chapa.
Cando hai uns días as concelleiras-o de BNG se entrevistaron coa AVV de Santa Ana de O Pino o sentimento xeralizado era o de total abandono por parte dalgúns concelleiros-as do goberno que pasaron por alí pero cuxa actuación quedou tan só en promesas, actuacións, nin a primeira.
O BNG comprometéuse entón a reiterar as súas demandas levándoas a máis alta representación do Concello, o pleno, e así lle queremos lembrar ao alcalde e ao seu grupo as reclamacións veciñais desta parroquia periférica de Ourense:
- Maior frecuencia na recollida de contedores e limpeza de rúas
- Desbroces de maleza que invaden os núcleos de poboación, o colexio e os camiños
- Colocación de contedores de vidro e papel para que as veciñas e veciños lles resulte máis doada a reciclaxe
- Arranxo das baldosas na rúa Euloxio Gómez Franqueira
- Regulación do exceso de tráfico coa colocación de badéns, sinais e control por parte da polícia local
- Remate das obras no parque infantil de O Pino
- Colocación de elementos biosaudábeis para que os maiores poidan facer exercicios
- Recuperación do camiño histórico que unía Reza Vella e Vilar (restos de calzada romana)
- Solventar urxentemente os problemas ocasionados polas obras do AVE, peche de túneis, escorrentías de auga, estragos nos camiños que comunicaban os núcleos, solares abandonados
- Autobús circular que comunique todas as poboacións dunha parroquia con núcleos moi espallados
Estes son algúns dos problemas do barrio que poderían corresponder a calquera outro dos periféricos de Ourense, esquecidos polo goberno socialista.
Ourense, 25 de xuño de 2014