Queremos a xestión pública dos soportes publicitarios municipais
O BNG solicitou hoxe a través do rexistro unha petición -compartida por outros grupos da oposición- de que se paralice o concurso para a contratación da explotación publicitaria do mobiliario urbano ata que se establezan criterios técnicos e económicos para a xestión destes soportes que actualmente non existen no Concello de Ourense.
O servizo mantense en precario dende hai varios anos sen que o Concello sexa capaz de especificar cal é a cantidade económica que ten que reclamar á empresa que o estivo mantendo ata que hai un mes a Concelleira de Comercio solicitou que se voltase á xestión municipal do mesmo.
Agora o goberno de Ourense realiza un cálculo económico de 40.986 pola explotación de máis de 110 espazos de publicidade no Concello durante catro anos. Algo que a ollos do BNG resulta lesivo para o interese público. O gasto orzamentado de publicidade para o 2014 na proposta do goberno son 545.000, partida que o BNG xa reclamou reducir en case o 50%. Ximena González, concelleira do BNG, expresou que as nacionalistas non entendemos como non saben canto hai que cobrarlle a unha empresa polo uso que fixo dos mupis pero si saben cal é o cánon do concurso. Esta claro que os criterios son discrecionais e iso non pode ser. Hai que paralizar o concurso e aclarar os criterios e prezos de explotación e mentes iso non se fai que os espazos os empregue o Concello.
As nacionalistas consideran que unha xestión pública destes espazos reduciría enormemento as gastos en publicidade contribuíndo a empregar soportes diferentes aos medios privados de difusión habituais. A concelleira Ximena González sinalou que a xestión do PSOE é irresponsábel pois pretende entregar a unha empresa por catro anos os espazos publicitarios da cidade e logo pagar tres ou catro veces máis por promocionar as actividades municipais nos medios privados preguntándose se non tería máis sentido xestionar eses espazos para a promoción de actividades aforrando miles de euros, e finaizou a estimación do valor do contrato por catro anos equivale ao que se gasta en publicidade unha concellería nun par de meses.
O Grupo Municipal do BNG mantén ademáis a aposta pola xestión pública dos espazos publicitarios do mobiliario urbano do Concello de Ourense tal e como propuxo xa en pleno a través de emendas en mocións presentadas por outros grupos, e tamén defende que parte deses espazos sexan para o uso do asociacionismo de base da cidade para a difusión e promoción das súas actividades, algo que non poderá facerse de ceder a totalidade á xestión privada.
Ademáis da petición a través do rexistro o BNG ven de rexistrar unha moción para o seu debate en pleno na que reclamará tanto a paralización do concurso, como a elaboración dunha ordenanza específica que regule o prezo dos espazos publicitarios do mobiliario urbano e a súa xestión municipal garantindo que parte deles estarán destinados ao uso do asociacionismo de base.
Ourense, 26 de xuño 2014