O BNG non apoiará a ordenanza de veladores se non se aceitan as alegacións que presentou
O GRUPO MUNICIPAL DO BNG TRALADOU AO GOBERNO QUE SÓ APOIARÁ A ORDENANZA DE VELADORES SE ESTE ACEPTA AS ALEGACIÓN DAS NACIONALISTAS
A Concelleira de Comercio rompeu hoxe a posibilidade de acadar un acordo co BNG ao non aceitar as alegacións.
Logo dun tortuoso proceso de negociación e redacción da nova ordenanza de veladores o goberno presenta un texto sen incorporar algunhas das alegacións que o BNG considera fundamental para regular a convivencia entre veciñ@s e hosteleir@s.
O Grupo Municipal do BNG que leva case dous anos traballando na modificación da ordenanza de veladores lamentaba hoxe que non se chegue a acordos pola falta de flexibilidade do goberno de Ourense. Susana García, voceira das nacionalistas indicaba que as nosas alegacións estan avaladas por todas as veciñas que participaron no proceso enviando propostas e son para equilibrar a convivencia e o descanso das veciñas cos horarios de uso por parte das hosteleiras, é a posición do goberno o que imposibilita o noso apoio.
A tramitación da modificación da ordenanza de veladores pasou pola elaboración de cinco borradores e foi tan caótica e desorndenada por parte do goberno que o grupo municipal do BNG recibiu dous textos diferentes logo do proceso de alegacións público en ningún dos cales se aceptan propostas que as nacionalistas consideran fundamentais.
Susana García, voceira do BNG, emplazou ao Alcalde a aceptar as emendas do BNG para que demos o noso apoio a un texto que a cidadanía demanda polos abusos que se estan cometendo coas terrazas neste momento, a responsabilidade é do Alcalde, se quere o noso apoio terá que aceptar as nosas propostas, que son as das veciñas da cidade sintetizou. Preguntada pola situación creada hoxe ao coñecer a posición da Concelleira de Comercio Susana García aclarou nós queremos que se modifique a ordenanza, se o PSOE tamén quere deberá aceitar as propostas, o noso apoio ao texto é un compromiso coas veciñas.
Remitimos para o coñecemento da cidadanía cales son as emendas do BNG que o goberno non aceita e que motivan o voto en contra:
- Suprimir as referencias á redacción dun plan en zonas que se consideren estratéxicas para potenciar a imaxe turística da cidade porque abre a posibilidade á discriminación das hosteleiras en función do sitio no que se sitúen as terrazas. Isto, de querer facerse, debera quedar reflectido na ordenanza para que a cidadanía coñeza os criterios.
- Suprimir as referencias aos peches laterais. As terrazas son un complemento do establecemento, en ningún caso poden converterse nun local fóra do propio local.
- Definir os horarios con claridade na ordenanza, a proposta do BNG é de 9h a 12h durante a semana e ata a 1.30h en festivos, vésperas e fin de semana. Horarios para a convivencia das veciñas e hosteleiras que regulan con equilibrio os dereitos de todas, procurando o entendemento e respeitando a toda a cidadanía.
- O BNG entende que a máxima distancia dende o establecemento á terraza debe ser de 15 metros cedendo que en lugar de tomarse á última mesa sexa en relación á primeira. Mas non aceita unha ordenanza na que se poda situar unha terraza a 25 metros do local do establecemento, algo que en moitas zonas da cidade sería un auténtico disparate.
- O BNG propón incrementar as sancións que aparecen no artigo 39, que o goberno rebaixa.
Ourense, 27 de xaneiro de 2015