O BNG non participa do Pleno extraordinario do Concello e advirte de graves irregularidades nos expedientes sometido a votación, a máis flagrante, a ausencia do informe fiscalizador da Intervención municipal
O Portavoz do Grupo municipal Luís Seara deixou claro que “no día de hoxe vense de traspasar unha liña que é moi perigosa e que nós non estamos dispostos a validar. Xa non é que os expedientes estean mal conformados ou cargados de erros, hoxe sométense a votación sen ter sido fiscalizados, tal e como establece a Lei, pola Intervención municipal”
Ourense, 28 de novembro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense abandonou o salón de Plenos antes de que dera comezo a orde do día prevista e logo de argumentar os motivos que os levaron a tomar tal decisión. A debate ían dous novos expedientes de modificación de crédito, o 22-P e o 23-P e que en conxunto supoñen mobilizar algo máis de 5 millóns de euros para gastos diversos.
O Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, acompañado polo resto de membros do Grupo, comparecía trala sesión plenaria para denunciar o que os nacionalistas consideran “un paso máis, intolerable e moi perigoso” do actual Goberno Local.
E é que para o BNG xa non é relevante que o Pleno fose convocado preto das 14:00 horas do día anterior ou mesmo que, como ven sendo costume, os expedientes estean mal conformados, tal e como puido acreditarse no Pleno deste luns 27 novembro, ou que adolezan de erros importantes, segundo Luís Seara, “a nosa gran e moi desagradable sorpresa foi comprobar como os expedientes 22 e 23P, non están informados e polo tanto fiscalizados pola Intervención municipal”, e engade, “no día de hoxe vense de traspasar unha liña que é moi perigosa e que nós non estamos dispostos a validar”.
“Hoxe sométense a votación dous expedientes incumprindo o artigo 177.1 do RD 2/2004 de 5 de marzo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora da Facendas Locais ou mesmo o Real Decreto 424/2017 polo que se regula o Réxime Xurídico do control interno do sector público local”.
O Portavoz do BNG advirte, ademais, da mala fe do Goberno Local na conformación dos expedientes xa que “pretenden revestilos de legalidade introducindo un informe fiscalizador doutro expediente que nin tan sequera se atreveron a traer a Pleno, o 19P/2023 e cun informe contrario demoledor, e datado o 27 de outubro, aducindo que os conceptos destes dous expedientes son similares a aquel, é unha auténtica tomadura de pelo, se falamos de dous expedientes novos, cada un deles ten que ser fiscalizado”.
Seara é contundente ao afirmar que “para nós isto é gravísimo e sobrepasa unha liña que non ímos aceptar pois pretenden que debatamos e votemos expedientes incompletos e coa ausencia dun informe que repito, é preceptivo e de gran relevancia como é o da Intervención municipal”.
“Nós, insisto, non imos ser partícipes de ningún debate e de ningunha votación na que o que se somete a xuizo dos Corporativos son expedientes incompletos e, sobor de todo, que incumpran coa legalidade vixente e non o facemos porque en primeiro lugar non nos parece responsable, segundo porque estase a vulnerar toda a lexislación existente ao respecto do procedemento e en terceiro lugar porque nós non queremos ser cómplices das posibles consecuencias que se poidan derivar desde o punto de vista administrativo”.
O portavoz do BNG no Concello de Ourense sinala que “todo o mundo ten que saber que é o Grupo de Goberno o único responsable do atraso no pagamento a proveedores e empresas que traballan para o Concello, así como da perda continuada de subvencións doutras administracións pola súa nefasta xestión económica”.
“Non é certo que non exista crédito para executar varias dos proxectos dos que se fala pois tal e como tamén advirto o interventor en informes anteriores, hai partidas con crédito suficiente”.
Seara remata deixando claro que “dixémoslle ao Alcalde desde o primeiro día que o BNG non ía ser o seu tonto útil e que se facía as cousas ben, podería atoparnos pero desde logo que a deriva e as consecuencias que imos ter que pagar todas e todos nun futuro non moi lonxano debido á desastrosa xestión económica non vai contar nunca co aval do BNG”.