O grupo provincial do BNG de Ourense presenta unha enmenda á totalidade dos orzamentos da Deputación de Ourense
Bernardo Varela “É preciso unha aposta polo interior de Galiza e especialmente por Ourense, para que o noso tecido produtivo e social sexa quen de aproveitar o potencial que dispomos”
Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG, xunto aos outros dous deputados do grupo provincial na Deputación de Ourense, María Mangana e Xosé Manuel Puga, compareceron ante os medios de comunicación para dar a coñecer a alternativa económica que o grupo nacionalista presenta aos orzamentos que o grupo de goberno do PP leva a aprobación no pleno de novembro.
O BNG fai unha proposta alternativa e en positivo a uns orzamentos provinciais que consideramos continuístas e sen capacidade de darlle o impulso que esta provincia precisa, declaraba Varela durante a comparecencia, e propomos uns orzamento mellorados sobre as cifras que o propio grupo de goberno propón, sen facer castelos no aire.
Chega con ver os gastos previstos no orzamento para 2024, para que chame poderosamente a atención que o 64% dos 96 millóns de euros van a parar a persoal e gasto corrente, indicaba Varela, case que 62 millóns de euros, cun incremento superior ó 9% no gasto de persoal, 3208468€. Un dato que si antes era chamativo agora aínda pasa a selo máis, con 38 millóns e medio de euros destinados a gastos de persoal, sen contar o persoal do INORDE, nin dos Parques Comarcais de Bombeiros.
Unha das primeiras medidas que propomos, sinala o voceiro nacionalista, é a redución no capitulo I persoal en 1millón 700 mil, amortizando as prazas vacantes recollidas no orzamento, aínda que incrementando o persoal do INORDE, este ente desaparecería, incluíndo as súas accións na acción directa da deputación, pero reduciríamos o gasto en 2 millóns 369 mil. Coa redución e modificación de partidas proposta na nosa enmenda, que entendemos permitiría continuar co funcionamento da deputación e que hoxe presentamos, conqueriríamos unha bolsa de 29.232.319,47€.
Esta bolsa de 29.232.319,47€ permite un Plan Único que no básico mantería o sistema de aportación ós Concellos coa diferencia que pasaría a ser de 21 millóns de euros no orzamento de 2024, 7 millóns máis do previsto no Orzamento do PP e 4 respecto do total incluíndo as futuras modificacións de crédito, que se vería incrementado paulatinamente ata o obxectivo dos 25 millóns no fin do mandato. Por outro lado permitiría un programa de dinamización económica dotado con 5.800.000€ para proxectos estratéxicos no territorio provincial no ámbito industrial e agrogandeiro e por último a creación dun programa de colaboración con entidades e asociacións dotado inicialmente con 2.432.319€ cunha xestión das axudas equitativa, e que se vería incrementado coas sucesivas modificacións de crédito.
Dede o Bloque tamén entendemos que é importante por en valor o traballo de entidades sociais, clubes deportivos, Fundacións; e así como se avanza nun plan con criterios equitativos para os Concellos entendemos que debe establecerse tamén un con criterios obxetivos para entidades e asociacións, pois non debería acontecer como acontece nestes orzamentos que nalgún caso se poda obter unha subvención nominativa e acudir logo á de concorrencia competitiva, sen que esté xustificado por algunha actuación extraordinaria e puntual, senón simplemente para gastos de funcionamento. As axudas para gastos de funcionamento deberían estar cubertas polo importe dun programa de colaboración coas entidades e asociacións suficientemente dotado e con criterios obxectivos.