O BNG leva a Pleno o estado calamitoso no que se atopa o viveiro municipal e solicitará a súa recuperación e posta en valor

Rhut Reza, Concelleira do BNG no Concello de Ourense

Desde a formación nacionalista sinalan que logo de terse realizado un investimento de 39.998,55 euros en 2022, as instalacións atópanse actualmente abandonadas

Tamén sinalan que o invernadoiro, rehabilitado no seu día, emprégase como simple almacén das plantas que o Concello merca a viveiros privados e que supón un gasto nada desdeñable, contabilizándose facturas de até 6.466,63 euros

O BNG leva a Pleno o estado calamitoso no que se atopa o viveiro municipal e solicitará a súa recuperación e posta en valor

Ourense, 29 de novembro de 2023. O Grupo municipal do BNG chamará a atención no Pleno deste venres 1 de decembro sobre o estado no que se atopa o viveiro municipal e das consecuencias que o abandono e infrautilización que sofre a instalación ten para as arcas municipais.

A Concelleira Rhut Reza destaca que “o viveiro municipal data do ano 1997 e foi concibido no seu día como lugar para a xestión dos recursos florais e arbóreos do Concello co obxectivo de optimizar mellor os recursos e abaratar o custe de xestión e mantemento das zonas verdes da cidade”.

Segundo Reza, “a súa posta en funcionamento supuxo un pulo importante para o desenvolvemento e as tarefas de conservación das zonas verdes, ao que debemos engadirlle o feito de contar cunha plantilla ben dimensionada que permitía chegar a todos os recunchos, converténdose a Área de Medio Ambiente nunha das máis valoradas pola veciñanza grazas a inxente e boa labor desenvolvida por todas e todos os profesionais que compuñan e compoñen a día de hoxe as brigadas”.

E pese a que en xaneiro de 2022 o entón Concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, anunciaba que o viveiro municipal iniciaba unha nova etapa para recobrar o esplendor como centro de referencia do coidado e cultivo de plantas de tempada logo de terse investido 39.998,55 euros na recuperación da infraestrutura do propio viveiro, na actualidade, “o viveiro municipal adolece dunha falta total e absoluta de mantemento e de uso, non cumprindo nin moito menos co seu cometido principal”.

Rhut Reza sinala que “o viveiro municipal pasou de producir arbustos, plantas de tempada, árbores ou compós de alta calidade ao desmantelamento tanto do seu cadro de persoal, xa que a día de hoxe soamente unha traballadora se encarga do coidado da instalación, como do material dispoñible”, e engade, “na actualidade, o viveiro conta cunha única función, a recepción das plantas, árbores e arbustos procedentes de viveiros privados, o que supón un gasto nada desdeñable, contabilizándose facturas de até 6.466,63 euros”.

E é que nos preto de 24.000 metros cadrados da instalación, acumúlanse innumerábeis elementos do mobiliario urbano, “funcionando máis coma un punto limpo que como un viveiro”. O invernadoiro, rehabilitado no seu día e cuxa cuberta retráctil en función das necesidades de temperatura non chegou a funcionar nunca, “emprégase como simple almacén das plantas que o Concello merca a viveiros privados”.

Á evidente infrautilización dos recursos e da maquinaria propia do Concello de Ourense temos que engadirlle o gasto que supón para as arcas municipais non empregalos axeitadamente, tendo que recorrer permanentemente á empresa privada para o subministro de plantas e masa arbórea, para o tratamento da maleza e das podas realizadas así como para a compostaxe e a eliminación de material orgánico”.

O Grupo municipal do BNG fai fincapé igualmente na situación na que se atopa a brigada da Concellería de Medio Ambiente, “composta por 12 persoas que pese ao seu inxente esforzo e traballo, non é quen de cubrir toda a demanda e as necesidades existentes polo que a ampliación do seu cadro de persoal resulta ser, sen dúbida, unha clara necesidade”.

Por estes e algún outro motivo que o BNG exporá no Pleno deste venres é polo que solicitarán o apoio do resto de membros da Corporación para instar ao Goberno Local á recuperación e posta en valor do viveiro municipal co obxectivo de optimizar mellor os recursos e abaratar o custe da xestión e do mantemento das zonas verdes así como para aumentar o cadro de persoal da brigada de Medio Ambiente adscrita ao coidado e mantemento das mesmas.


 

O BNG leva a Pleno o estado calamitoso no que se atopa o viveiro municipal e solicitará a súa recuperación e posta en valor