O BNG oponse a que o Concello de Ourense financie a rehabilitación da capela dos Remedios
O BNG critica que o grupo de goberno de Ourense vaia destinar unha partida de 100.000 á rehabilitación da capela dos Remedios. E resulta aínda máis censurábel que esta partida a inclua na relación de créditos extraordinarios xunto coas subvencións e convenios coas asociacións de veciños e colectivos que traballan no ámbito social e sanitario.
Ao igual que as veciñas e veciños de Ourense teñen que facer fronte aos seus imprevistos, o BNG considera que tamén a igrexa católica debe levar a cabo a rehabilitación da capela dos Remedios -da que é propietaria- cos seus propios fondos.
Por qué a igrexa católica ten que receber trato especial das institucións, neste caso do concello de Ourense, cando se trata dunha entidade privada. Cando a capela ardeu, a administración local xa achegou 60.000 para a retirada dos cascallos e o apuntalamento dado que eran actuacións urxentes polo risco que supuña para as persoas que puideran achegarse por alí.
O BNG quere manifestar que xa é un privilexio que non paguen o IBI. A concelleira Susana García lembra que hai unhos meses, cando o BNG levou a pleno a proposta de que a igrexa pagara o IBI dos seus inmóbeis, a moción foi rexeitada, algo que os nacionalistas criticaron duramente porque á cidadanía e ao resto das empresas non se lles perdonan os impostos, sexa cal sexa a situación pola que atravesan, e xa sabemos que nestes momentos se pode cualificar de dramática para moitas delas.
Qué lle reporta aos veciños e veciñas de Ourense a partida que o grupo de goberno adicaría á restauración da capela?. A resposta é nada. O culto é libre e xa bastante recebe a institución relixiosa por parte do goberno galego e da Deputación para que, por riba, o Concello de Ourense lle adique máis cartos cando hai servizos deficitarios e actuacións que non se poden executar por falla de fondos.