Plan de emprego, igualdade e axudas a@s desafiuzad@s afectad@s pola prórroga dos orzamentos
O PSOE pretende que os cidadáns e as cidadás de Ourense acepten como normal o feito de que o ano 2013 sexa o primeiro no que o Concello non aprobe orzamentos e xustifícao dicindo que se pode gobernar sen problemas cos orzamentos prorrogados.
Esta é unha desviación da realidade posto que o certo é que uns orzamentos prorrogados impiden a execución de moitas actuacións. Todo o capítulo destinado aos investimentos non vai poder ser executado, polo menos de momento, ao igual que o Capítulo IV de subvencións directas. Os investimentos son actuacións que estaban previstas no borrador de orzamentos para 2013 que o grupo de goberno lles facilitara aos grupos da posición, como pode ser a do Barrio do Cuco, tanto tempo esperando, varias obras de abastecemento e saneamento ou as actuacións no perímetro rural.
Tamén se verán afectadas pola prórroga dos orzamentos as subvencións ás asociacións que desenvolven actividades na área da saúde e do benestar social ou, por exemplo, o convenio coas anpas para a axuda de comedores escolares, actividades extraescolares e atención temperá non van poder ser tramitadas.
Por outra banda, ata a aprobación do novo documento, as axudas para a rehabilitación dos ARI de Seixalbo, as Camelias, O Polvorín e a zona histórica van sufrir un importante atraso posto que o Concello non está en condicións de achegar a contía que lle corresponde.
Tampouco se van poder incorporar medidas aprobadas nos plenos porque, ao non estar recollidas nos orzamentos prorrogados non se poden executar. Así, quedan sen implantar a atención psicolóxica ás persoas maiores, o incremento de recursos para Igualdade, as axudas para as Inspeccións Técnicas de Edificios (ITE) ou a partida para axudas ás afectadas polos desafiuzamentos.
Tamén terá que esperar o plan de emprego que lle solicitou ao alcalde o grupo municipal do BNG xa no mes de xaneiro.
Como lavado de cara, o grupo de goberno argumenta que ten pensado actuar mediante modificacións orzamentarias pero este método, como mínimo, atrasa a execución porque as modificacións requiren una tramitación administrativa case tan enredosa como a aprobación duns orzamentos e ademáis están igualmente sometidas ao teito de gasto non financeiro, escusa esgrimida polo goberno do PSOE para non presentar orzamentos para 2013. Mentres, penalízase a actividade económica do concello que repercute na da cidade e hai entidades de carácter social que van ver comprometido o seu labor e incluso o seu futuro.