O BNG pedirá un centro de saúde para a zona histórica de Ourense

2020062210032584106

Segundo os nacionalistas, dentro dos equipamentos básicos e que contribuirían a revitalizar a zona, atópase sen dúbida, a construción e posta en funcionamento dun centro de saúde

O BNG pedirá un centro de saúde para a zona histórica de Ourense

Ourense, 14 de xaneiro de 2022. Desde o BNG levan tempo presentando iniciativas que contribúan a mellorar a situación da zona histórica da cidade e que teñen que ver fundamentalmente cos servizos básicos e a súa mellora. Dotacións fundamentais para a fixación da poboación existente e para facer atractiva a zona para todos aqueles que queren e deciden asentarse nela.

Dentro deses equipamentos básicos e que contribuirían a revitalizar a zona, atópase sen dúbida, a construción e posta en funcionamento dun centro de saúde, para o concelleiro Luis Seara existen varias razóns que fan viable o mesmo.

"En primeiro lugar polo perfil poboacional, maioritariamente persoas de avanzada idade e que acoden con frecuencia á asistencia sanitaria e en segundo lugar polo perfil dos novos moradores, xente relativamente moza e con crianzas ou en idade de telas, cuia demanda de atención pediátrica tamén é bastante frecuente".

Para Seara "ao anterior debemos engadirlle o feito de que unha infraestrutura destas características xera un fluxo de movemento continuo de persoas que fai que ao seu redor se xeren as condicións idóneas para o asentamento de actividade comercial, xeralmente establecementos de alimentación, bares e cafeterías, farmacias e outro tipo de locais con oferta de servizos variada", ao que engade, "este feito é constatable se observamos calquera dos centros de saúde existentes actualmente no resto da cidade".

Fala o BNG de recuperar edificacións históricas, en zonas que precisan de intervencións reais e efectivas que contribúan ao seu desenvolvemento e dinamización, segundo Luis Seara, "propomos facelo ademais, con equipamentos amplamente demandados por parte da veciñanza e que neste caso concreto serviría tamén para desconxestionar os actuais centros de saúde da cidade, os cales, nalgún caso concreto, soportan unha carga de traballo excesiva".

Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicitará o apoio do resto da corporación para instar ao Goberno Local a realizar todas as accións administrativas precisas co obxecto de por a disposición da Xunta de Galiza os inmóbeis ou terreos precisos dentro do ámbito da zona histórica de Ourense para a contrución e posta en funcionamento dun centro de saúde, e en segundo lugar para instar á Xunta de Galiza á súa construción.

O BNG pedirá un centro de saúde para a zona histórica de Ourense