O BNG advirte das graves consecuencias económicas que para o Concello ten a supresión do Servizo da ORA

Xosé Manuel Puga, Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco
Xosé Manuel Puga, Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco

O Grupo municipal nacionalista reclama ao Goberno Local que aclare se vai aceptar na súa integridade a liquidación presentada pola concesionaria, incluídas as indemnizacións as e aos traballadores despedidos. Igualmente queren saber se se vai aceptar o prezo ofertado para seguir prestando o servizo de guindastre

O BNG advirte das graves consecuencias económicas que para o Concello ten a supresión do Servizo da ORA

Ourense, 20 de febreiro de 2026. O pasado 1 de xaneiro, suprimíase o Servizo da ORA no Concello de Ourense, unha decisión cuestionada xa no seu momento polo BNG, quen ademais propuxo a gratuidade do servizo pero mantendo o control sobre os estacionamentos para garantir a rotación e evitar o que se preveía e acabou acontencendo, “o caos total e absoluto na mobilidade da cidade no seu conxunto”.

Pero máis alá das consecuencias no referido á mobilidade, o Grupo municipal do BNG amósase especialmente preocupado polas consecuencias que esta decisión “caprichosa e carente do máis mínimo rigor” adoptada polo Alcalde vai ter para as arcas municipais xa que tal e como advertiron os nacionalistas nunha sesión Plenaria, “a liquidación presentada pola concesionaria supera o millón de euros”.

E é que a empresa solicita, por unha banda, o recoñecemento e o pagamento de 786.938,53 euros en concepto de diferenzas por tipos de IVE, reclamacións de revisión de prezos e intereses e por outra 314.071,10 euros en concepto de resarcimento polo pagamento das indemnizacións aos traballadores e traballadoras despedidas como consecuencia da supresión do Servizo. “Estamos falando dun total de 1.101.009,60 euros”.

Luís Seara, Portavoz do BNG no Concello de Ourense sinala que “é preciso que o Goberno local aclare canto antes se vai aceptar a liquidación presentada pola concesionaria na súa integridade ou se pola contra e tal e como advirten os técnicos municipais é preciso realizar unha auditoría que certifique que esas son as cantidades reais”.

Para o BNG estamos diante dunha situación “que pode ter graves consecuencias para as arcas municipais tanto no suposto de que se asuma a liquidación presentada como naquel no que se opte por xudicializar a mesma, escenario que, tal e como temos visto noutros casos, nunca favorece aos intereses do Concello”. Seara entende que esta situación ven provocada “polo capricho e pola improvisación do Alcalde á hora de tomar decisións sen ningún tipo de soporte técnico nin estudo previo que avalíe unhas consecuencias que ao final acabamos pagando toda a veciñanza dos nosos petos”.

Servizo de Guindastre.

Outra das aclaracións que solicita o Grupo municipal do BNG ten que ver co orzamento que a empresa concesionaria remitiu para continuar presatando o servizo de guindastre. Este ascende a 1.355.189,29 euros, cantidade que, segundo Luís Seara, “é moi similar ao prezo do contrato no que ademais do guindastre tamén se prestaba o servizo da ORA” e engade, “resulta curioso como agora o guindastre en solitario vainos costar case tanto como o guindastre e a ORA xuntos”.

No BNG afirman que a este respecto “os técnicos non concordan con esta cantidade, rebaixándoa até case que medio millón de euros e advertindo que o máis acaído tería sido sacar a concurso público a licitación do Servizo para que as empresas interesadas puidesen facer as súas ofertas e o Concello, en consecuencia, escoller a máis ventaxosa”.

A Formación nacionalista pedirá explicacións ao Goberno Local diante dunha situación que lembran de novo “é altamente gravosa para as arcas municipais e polo tanto para a veciñanza no seu conxunto”.

O BNG advirte das graves consecuencias económicas que para o Concello ten a supresión do Servizo da ORA