O BNG pedirá no pleno que o Concello sexa un axente activo na defensa dos empregos de unitono
O Grupo Municipal do BNG apoirá as reclamacións d@s traballador@s da empresa Unitono nas súas demandas de máis carga de traballo e de vixiancia ante o perigo real de deslocalización do servizo da empresa, dependente de Gas Natural Fenosa.
A empresa de telemarketing Unitono situada no Parque Tecnolóxico de Ourense dá traballo na actualidade a 140 persoas. Esta planta da empresa Unitono presta os seus servizos para a empresa eléctrica Gas Natural Fenosa. Nas últimas semanas estanse a negociar, para a totalidade do cadro de persoal de Unitono Ourense, drásticas reduccións de xornada, que en moitos casos farían inasumíbel para as traballadoras e traballadores a súa vinculación laboral. Ademáis, hai riscos reais de que a atividade da empresa sexa deslocada co que se perdería carga de traballo abrindo a posibilidade de que, como no caso Tsolar, moitas persoas se vexan empurradas ao desemprego.
O BNG defende condicións dignas de emprego na nosa cidade e considera imprescindíbel que se melloren tamén as condicións de traballo no sector do telemarketing para garantir salarios e condicións xustas.
Hoxe máis que nunca, coas traballadoras de Tsolar pechadas na fábrica para tentar evitar o desmantelamento dunha empresa que dá traballo a máis de 170 persoas, o Concello de Ourense ten que tomar partido pola cidade e polo emprego na cidade, é por isto que o BNG solicitará da corporación un compromiso para que dende o goberno local se fagan xestións con Gas Natural para garantir carga de traballo, a non deslocación da empresa e no caso de que non haxa un compromiso por parte desta o Concello cancela todos os contratos con esta empresa.