O BNG denuncia que o SERGAS precariza a atención que prestan as matronas
As mulleres de Ourense están discriminadas con respecto ás do resto da Galiza. Con estas palabras, Belén Vázquez denunciaba a situación deficitaria na que se atopa o servizo de matronas na nosa provincia.
Xunto con Belén Vázquez, acompañaban ao grupo municipal do BNG outras matronas. Denunciaron que o centro de saúde Nóvoa Santos é o único da capital que conta con este servizo e no que traballan catro das cinco matronas que hai hoxe en Ourense. A outra profesional, adscrita ao centro de saúde Valle Inclán, leva de baixa dende o ano 2012 e nin foi nin vai ser substituida por outra profesinal.
O BNG xa trasladou este problema ás institucións. A deputada Tereixa Paz explicou que xa se presentaron no Parlamento galego varias propostas. A primeira delas é que se cubran as baixas, as vacacóns e as xubilacións. A segunda, que a praza que se vai suprimir no concello de Pereiro de Aguiar que se reasigne a Ourense e a terceira, que se cree unha bolsa de contratación para cubrir as vacantes que se produzan.
Asemade, Tereixa Paz fixo especial fincapé na situación que se dá no Hospital de Verín no que desempeñan o seu traballo matronas adscritas a outros centros que deste xeito están a duplicar salarios. Neste senso, o BNG pide que se cree a praza na RPT e se regularice a situación.
Os nacionalistas tamén queren trasladar este debate ao concello a través dunha moción na que se pide o acordo dos grupos para acabar coa situación discriminatoria que vive Ourense onde a ratio de matronas por número de mulleres é de 1/ 15.806 mentres que, por exemplo, na Coruña é de 1/ 7.000.
A concelleira Ximena González amosaba a preocupación do BNG e das profesionais pola situación que se vai producir nos meses de verán nos que só van quedar dúas matronas no centro Nóvoa Santos porque Atención Primaria xa informou de que non ían cubrir as vacacións.
O BNG pide con esta moción que o concello se implique nesta reivindicación dado que non tería sentido desenvolver programas para fomentar a lactancia materna, a educación sexual ou as campañas para a dinamización demográfica se logo a Administración considera residual o traballo da matronas, importante non só durante o embarazo senón tamén nos meses posteiores ao parto para axudar ás nais no seu coidado persoal e no dos seus fillos e fillas.