O BNG pedirá en Pleno a reprobación de Jácome pola compra dos “busitos”

Xosé Manuel Puga, Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco
Xosé Manuel Puga, Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco

O Grupo municipal nacionalista responsabiliza ao Alcalde de “empecinarse” e de “dilapidar” preto de 3 millóns de euros na compra duns vehículos “ruinosos, que non cumpren co seu cometido e que acumulan continuas avarías e queixas da veciñanza e das traballadoras e traballadores do Servizo” polo que anuncia a presentación dunha moción para o Pleno de abril na que pedirán a súa reprobación

O BNG pedirá en Pleno a reprobación de Jácome pola compra dos “busitos”

Ourense, 14 de marzo de 2025. Desde o primeiro momento en que o Alcalde Gonzalo Pérez Jácome propuxo a compra directa por parte do Concello dunha nova flota de autobuses para o Servizo de transporte público, o Grupo municipal do BNG amosou as súas dúbidas sobre se era a mellor fórmula posíbel. Ditas dúbidas acrecentáronse e convertéronse en rexeitamento no momento no que se coñeceu a tipoloxía dos vehículos que se pretendían mercar.

O Portavoz do BNG Luís Seara lembra que “unha vez superado o debate sobre a compra dos autobuses, coa que nós non coincidíamos pois considerábamos máis acaído incluílos no prego de licitación do Servizo e en todo caso ter definido previamente o novo mapa de liñas para coñecer as necesidades reais a cubrir, o que nos chamou poderosamente a atención é o modelo de vehículos escollidos”.

Seara di que “nunca cuestionamos os 10 buses eléctricos ou os 15 diésel mercados a empresa ourensá UNVI mais sí os 15 busitos, xa que todas as referencias que tiñamos e as experiencias existentes noutros lugares con este tipo de vehículos xa eran de sobra coñecida e por certo, nada positivas”.

Pese ás advertencias e ás dúbidas sobre a idoneidade e a calidade dos chamados “busitos”, Luís Seara afirma que “non sabemos porqué motivo, ou si, Jácome empecinouse na súa compra, dilapidando preto de 3 millóns de euros de todas e todos nuns autobuses que son unha auténtica estafa”.

E é que desde a súa entrada en funcionamento, en decembro de 2023, son constantes as avarías sufridas e relativas a fallos nas aperturas das portas, no sistema de calefacción e aire acondicionado, nas rampas, nos paneis luminosos ou nos acabados interiores, chegando ao punto de desprenderse partes do mesmo, “por non falar da escasa capacidade que teñen, o que provoca que haxa momentos nos que usuarias e usuarios teñan que quedar nas paradas por falta de espazo”.

A maior abastanza, os nacionalista sosteñen que “máis da metade dos mesmos atópanse continuamente avariados e aparcados unha nave en Quintela, co que iso supón para a correcta prestación do servizo e para as arcas municipais en canto ao pagamento das reparacións”.

A gota que colmou o vaso segundo o Portavoz do BNG é o feito de que nos novos pregos de licitación do Servizo de transporte publicados esta mesma semana, “descubrimos que un deles está sendo desguazado para recambios dos demais sen ter percorrido un só quilómentro e logo de ter gastado nel preto de 200.000 euros, algo absolutamente demencial”.

No BNG teñen claro que “a nefasta, neglixente e económicamente ruinosa xestión en torno aos busitos é responsabilidade de Jácome e polo tanto pediremos ao resto de Grupos da Corporación apoio para a súa reprobación e para que lle dea a toda a veciñanza de Ourense explicacións ante o que consideramos unha das maiores estafas vividas no Concello de Ourense”.

Busitos avariados e aparcados nunha nave en Quintela
Busitos avariados e aparcados nunha nave en Quintela
O BNG pedirá en Pleno a reprobación de Jácome pola compra dos “busitos”