O BNG promove a elaboración dun Plan de industrialización para a comarca de Ourense

Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

A formación nacionalista instará á Xunta a que sente cos sindicatos de Ourense para elaborar conxuntamente un Plan comarcal de industrialización co obxectivo de protexer e promover o emprego e as actividades industriais. Con medidas dirixidas a fomentar a innovación, o investimento produtivo e a formación do persoal

O BNG promove a elaboración dun Plan de industrialización para a comarca de Ourense

Ourense, 13 de marzo de 2025. No ano 1977 iniciaba a súa actividade no polígono industrial de San Cibrao das Viñas unha factoría da antiga Citroën, que escollía a comarca de Ourense para instalar unha fábrica que tiña como finalidade subministrar á industria principal de Vigo. Desde entón e tal e como sinala o deputado do BNG por Ourense Iago Tabarés, “ao longo das últimas décadas, foron varias as crises no sector auxiliar da automoción de Ourense, crises que provocaron despedimentos, peches de fábricas ou recolocación de traballadoras e traballadores”.

Mais a situación continúa agravándose a día de hoxe. A empresa Faurecia, hoxe Forvia, que representa o que queda da presenza de Citroën na comarca de Ourense, reduciu nos últimos dous anos 75 empregos e ven de anunciar a súa intención de desfacerse de 25 persoas máis.

Segundo Tabarés, “esta nova prodúcese nun contexto de gran transformación do sector da automoción a nivel mundial, con especial impacto en Europa e no noso país. De feito, as novas sobre adxudicacións de novos modelos de STELLANTIS á factoría de Vigo, da que depende en gran medida o sector ourensán, non son as desexadas, de igual xeito que os cambios na política de subcontratación da empresa principal están a fomentar a deslocalización de capacidade produtiva a terceiros países”.

E é que no BNG lembran que tamén outras empresas senlleiras do sector da automoción na comarca de Ourense “están a sufrir o impacto desta nova vaga de deslocalizacións como é o caso de Hispamoldes ou de Indea Auriense”, e engaden, “a redución dos cadros de persoal e un futuro incerto sen garantías de adxudicacións, son a día de hoxe o denominador común a todas as empresas do sector na comarca de Ourense”.

En medio de toda esta situación, Iago Tabarés denuncia “a inacción e o silencio absoluto da Xunta de Galiza respeito da crise e das mudanzas neste sector estratéxico para o noso país e para a comarca de Ourense. Un Goberno que destaca por non ter amosado nin a máis mínima preocupación por conseguir para o noso país a instalación dunha fábrica de baterías para vehículos eléctricos, por exemplo”.

Outro dos cuestionamentos do BNG á Xunta baséase en “non ter a máis mínima iniciativa para conseguir alternativas que reduzan a nosa dependencia dun único gran fabricante. Un Goberno, en resumo, que carece dun plan estratéxico para o sector, ao tempo que nos últimos 15 anos de Goberno do PP, destruíronse case 40.000 empregos no sector industrial”.

Ante a delicada situación na que se atopa o sector e o impacto que nomeadamente vai ter na comarca de Ourense, a formación nacionalista pediralle á Xunta de Galiza “que reciba aos sindicatos máis representativos de Ourense para elaborar con eles un Plan comarcal de industrialización, co obxectivo de protexer e promover o emprego e as actividades industriais. Con medidas dirixidas a fomentar a innovación, o investimento produtivo e a formación do persoal, dispoñendo para a súa execución das partidas orzamentarias precisas.”

Mon Fernández, María Mangana, Iago Tabarés e Brais Ruanova
Mon Fernández, María Mangana, Iago Tabarés e Brais Ruanova
O BNG promove a elaboración dun Plan de industrialización para a comarca de Ourense