O BNG pide a ampliación da planta xudicial de Ourense mediante a creación de novos xulgados
O deputado Iago Tabarés pedirá o xoves en Comisión parlamentar, a creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia, un novo Xulgado do Penal e un novo Xulgado de violencia sobre a muller
Ourense, 24 de febreiro de 2023. Na rolda de prensa celebrada esta mañá na sede do BNG de Ourense, o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara comezou a súa intervención lembrando que “nos últimos 15 anos a planta xudicial ourensá apenas sufriu variacións”, e engade, “a creación unicamente dun Xulgado de Primeira Instancia e dun novo Xulgado do Social, alén dunha praza de maxistrada para a sección civil, que pretendía dar resposta ás necesidades e demandas da sociedade ourensán, resulta evidente que a día de hoxe é insuficiente”.
Seara lembrou que esta cuestión xa foi abordada polo Pleno do concello en setembro de 2022 a través dunha moción rexistrada pola formación nacionalista. Daquela e tal e como afirmou Luís Seara, “a Corporación por unanimidade votou a favor da ampliación da pranta xudicial de Ourense e da creación de novos xulgados. Agora damos un paso máis e reclamaremos a través do noso deputado Iago Tabarés que sexa o Parlamento que se pronuncie”.
Precisamente o deputado Tabarés, quen recolleu as verbas de Seara, fixo fincapé non feito de que “como consecuencia deste desleixo na atención ás necesidades da organización xudicial de Ourense, atopamos xulgados que soportan unha extraordinaria carga de traballo, moi superior á que o propio Consello Xeral do Poder Xudicial considera como límite máximo para o correcto funcionamento dun xulgado”, ao que engade, “que nin sequera a excepcional entrega e sacrificio das traballadoras permite que os procedementos dos que coñecen estes xulgados teñan unha resposta nun tempo razoable”.
Así, segundo Tabarés, “o Xulgado de Familia de Ourense ven soportando dende hai anos unha entrada de asuntos moi superior, case o dobre, do módulo establecido polo CXPX o que obrigou, para evitar o seu colapso, á adscrición dun xuíz de apoio”.
“Segundo a estatística xudicial elaborada polo Consello, o número de entrada de asuntos no Xulgado de Familia de Ourense supera desde o ano 2016 os dous mil asuntos rexistrados, acadando os 2.292 no ano 2021, cando, lembremos unha vez máis, o número que podería soportar o xulgado segundo o propio Órgano de Goberno do Poder Xudicial é de 1.323”.
Do mesmo xeito os Xulgados do Penal de Ourense “veñen soportando un número de asuntos moi superior ao referido módulo, que en ningún caso é o referente exclusivo para a creación de novas unidades xudiciais, senón un indicador orientativo”.
Iago Tabarés tamén fixo referencia á situación na que se atopa o Xulgado de Violencia sobre a muller que, xunto co reparto ordinario dos asuntos que teñan atribuído consonte as normas dos respectivos partidos xudiciais, “deben atender as propias dos xulgados de instrución, e participar nas quendas de garda como os demais xulgados do partido, isto é, unha de cada tres semanas”.
Estes son alguns dos argumentos esgrimidos polo deputado Tabarés para xustificar a proposición non de Lei rexistrada polo BNG e que será debatida o vindeiro xoves en Comisión. “Pediremos que o Parlamento galego, inste á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a ampliación da planta xudicial do Partido Xudicial de Ourense mediante a inmediata creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia, dun novo Xulgado do Penal e dun novo Xulgado de violencia sobre a muller”.
Tabarés foi tallante ao afirmar que, “se a día de hoxe non se produciron avances na creación dos novos xulgados é pola inacción e inoperancia da Xunta de Galiza posto que o Goberno do Estado xa lle ten manifestado ao noso deputado no Congreso Néstor Rego a súa predisposición para crealos”.