O BNG censura que o Concello de Ourense non celebre, un ano máis, ningún acto conmemorativo polo día de Rosalía

Rhut Reza
Rhut Reza, concelleira no Concello de Ourense

Segundo a formación nacionalista, o actual Goberno Local demostra “o seu máis absoluto desprezo á cultura propia, ao tempo que incumpre o acordo plenario acadado en 2014 e no que o concello se comprometía a conmemorar o día de Rosalía cada ano”

O BNG censura que o Concello de Ourense non celebre, un ano máis, ningún acto conmemorativo polo día de Rosalía

Ourense, 23 de febreiro de 2023. Hoxe, 23 de febreiro, celébrase o nacemento en 1837 de Rosalía de Castro, sen dúbida, unha das grandes escritoras e referentes da cultura galega. Desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense lamentan que, un ano máis, o concello non programe ningún tipo de actividade co gallo de tal celebración, “amosando unha vez máis un profundo desprezo pola cultura propia do país”.

A concelleira do BNG Rhut Reza lemnbra que xa en 2014 e a instancias do BNG, “o concello comprometeuse a celebrar anualmente o día de Rosalía, declarado actualmente o 23 de febreiro”, e engade, “mais desde inicio de mandato, primeiro co goberno PP-DO e agora co goberno de DO en solitario, rompeuse o compromiso adquirido e desde a institución nada se fai para dignificar a obra da artífice da recuperación ligüística e literaria do noso país”.

Desde o BNG recórdanlle ao actual Grupo de Goberno que “o día de Rosalía forma parte do calendario do Concello de Ourense polo que a institución debera realizar actividade de promoción e divulgación da obra súa implicando ao conxunto da veciñanza”.

Rhut Reza tamén quere lembrar e recoñecer “o traballo e o esforzo realizado por moitas persoas ao longo do tempo, o que permitiu que hoxe poidamos transmitirlle ás novas xeracións a imaxe dunha muller forte, rebelde, libre, culta, feminista, adiantada ao seu tempo e sen pelos na lingua na defensa de Galiza e da muller labrega e traballadora dobremente explotada”.

No BNG destacan que Rosalía foi unha escritora radical, incorformista, librepensadora e “determinada en escribir na lingua que falaba o pobo cando ninguén o facía”. Desde o BNG animan á veciñanza “a que agasalle ás persoas queridas cun libro escrito en galego e cunha flor tal e como propón a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega desde o ano 2010”.


 

O BNG censura que o Concello de Ourense non celebre, un ano máis, ningún acto conmemorativo polo día de Rosalía