O BNG pide ao goberno que retire as contas do Concello de Novagalicia Banco
O Bloque Nacionalista Galego ven de rexistrar unha petición ao goberno para solicitar que o Concello de Ourense, seguindo o exemplo de Concellos como Pontevedra ou Rianxo, retire as súas contas de Novagalicia Banco en solidariedade coas persoas estafadas polas participacións preferentes e subordinadas.
En palabras do portavoz municipal, Xosé Somoza, o Alcalde ten mañá sábado na manifestación das estafadas polas preferentes unha oportunidade excepcional para anunciar que este Concello retira as súas contas de novagalicia banco.
O BNG ven denunciando de forma reiterada no Parlamento Galego e no Congreso dos deputados a estafa sufrida polas galegas por parte das entidades bancarias e legalizada polo Partido Popular a través do decreto que permitiu unha quita que xa sobrepasa o 56% dos aforros das estafadas e que supón un espolio de máis de 500 millóns de euros dos aforros de todas as galegas e galegos.
Así o Grupo Municipal do BNG pide do goberno de Ourense un compromiso real coas afectadas e un acto de solidariedade e denuncia que xa se esta a realizar dende administracións locais nas que o BNG ten responsabilidades de goberno.
Ourense, 14 de xuño de 2013