O BNG pide que se consensúe coas ANPAS o convenio entre o Concello e a Federacion
O BNG presentou hoxe unha moción na que se recolle a preocupación das ANPAS de varios centros públicos da cidade polos termos no que se vai asinar o convenio entre a Concellaría de Educación e a Federación Provincial de ANPAS.
A concelleira Susana García explicou que, este ano, o convenio -aínda sen asinar- inclúe unha única partida destinada a comedores, atención temperá e actividades extraescolares e as ANPAS prefiren decidir elas a cal dos servizos destinan os cartos. O mesmo que prefiren elixir a empresa que presta o servizo de comedor, dado que ademais as familias aportan o 90% do custe. Esto último si o conseguiron, logo de plantarse ante a Federación e negarse a participar na apertura de propostas.
Os nacionalistas tamén critican que este sistema elixido pola Concelllaría de Educación discrimina aos centros que non están federados o que vén a supor unha discriminación das nenas e nenos ourensáns polo colexio no que cursan os seus estudos.
Consenso coas ANPAS é o que pide o BNG e as nais e pais de seis centros públicos da cidade que non se negan a que a Federación xestione pero sí queren intervir na toma de decisión.
Máis democracia e transparencia no organismo provincial piden tamén dende os centros. Lucía Bugallo, da ANPA do CEIP Irmáns Villar amosaba o malestar dos representantes dos colexios porque a Federación leva 3 anos sen convocar unha asemblea, sen renovación da xunta directiva -e presidencia- e sen dar conta dos ingresos e gastos algo que causa cando menos extrañeza cando se están xestionando cartos públicos.