O BNG oponse ao nomeamento de Carmen Dacosta como directora xeral
O Grupo Municipal do BNG xa declarou na moción presentada no anterior pleno celebrado o día 7 de xuño sobre Dª Carmen Rodríguez Dacosta, que a valoración política da súa xestión como responsable de persoal era negativa.
Esta valoración negativa atendía a múltiples razóns, entre as que destacábamos todo o proceso de aprobación e posterior revisión de oficio do Acordo Regulador, os problemas de persoal en determinados servizos como no Servizo de Bombeiros, o incumprimento de aboar a paga extra de decembro, o trato diferenciado en materia de contratación de persoal segundo as concellerías implicadas, os incumprimentos das promesas de aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT), os problemas rexistrados nas últimas probas de policías locais ou de economista, as reiteradas setenzas de despidos improcedentes, etc, etc.
Para o BNG este xeito de proceder do alcalde amosa unha vez máis o seu alonxamento dos intereses da cidadanía e das políticas que puderamos identificar como de esquerdas, pois prefire seguir defendendo a unha amiga, persoa clave no grupo nucleado en torno ao ex-alcalde, sen atender as protestas dos grupos da oposición e de parte do seu equipo de goberno, no canto de delegar as competencias de persoal noutra concelleira ou concelleiro electo e deixar de perder o tempo e as forzas en salvar os intereses dos máis próximos.
A este respecto, o voceiro nacionalista Xosé Somoza declarou que o alcalde de Ourense non pode seguir con esta forma de gobernar persoalista, máis propia da Deputación Provincial, o importante deben ser as políticas e non os apelidos, e neste caso concreto enmendar unha xestión de persoal caótica durante os últimos anos.
A maior gravidade, o Interventor Muncipal realizou un informe desfavorable pois a praza que se pretende ocupar non dispón de orzamento desde 2009, e sería necesario un acordo plenario para dotar económicamente unha Dirección Xeral aprobada en acordo de 2008, como manifesta o alcalde, pero que non ten asignada partida económica nen nos orzamentos prorrogados de 2012, nen no borrador dos orzamentos de 2013.
O Grupo Municipal do BNG manifesta que de producirse o nomeamento será un novo salto cara o vacío do grupo do alcalde, cada vez máis aillado e descontextualizado dunha situación xeral de crise que necesita doutro tipo de actuacións.