O BNG pide a mellora de toda a beirarrúa da parte alta de Bedoya
A falla de planificación nas obras de mellora das rúas de Ourense teñen como resultado a imaxe deplorable que agora ten o tramo alto da rúa Bedoya, entre a avenida de Bos Aires e Emilia Pardo Bazán.
A obra contratada polo equipo de goberno consistiu na ampliación e acondicionamento do taco da beirarrúa dereita, entre a confluencia da avenida de Bos Aires e o colexio Concepción Arenal. Alén do proxecto inicial, tamén se colocou unha baranda á petición do centro educativo.
Para o BNG a obra era necesaria pero toda vez que se fai a contratación deberían ter arranxado a beirarrúa ata a avenida de Bos Aires dado que ten moita afluencia de veciñas e veciñas -maiores e nen@s- que baixan ao centro por unha rúa moi pendente e cun taco moi desgastado que provoca resbalóns e caídas frecuentes. Agora, @s que veñen do centro de Ourense camiñan por unha beirarrúa ancha e @s que viven na parte alta seguen baixando con extrema cautela polo deterioro do firme.
Para os nacionalistas, a idea de cidade e o proxecto de futuro ten que ir máis aló dos pequenos parches eiquí e alá. Toda vez que se fixo esta pequena obra houbera sido importante valorar xa a mellora da rede de abastecemento e saneamento para non ter que volver a levantar a rúa á volta dun tempo por posíbeis avarías.