O BNG propón un plan de emprego que xere traballo estábel e potencie os sectores estratéxicos
O BNG propuxo nas reunións xa celebradas, e así llo quer trasladar á cidadanía, que só apoiará o plan de emprego do Concello de Ourense si éste ten vocación de continuidade coa creación de emprego estábel e o fomento do tecido económico da cidade.
Segundo explicaba a concelleira Ximena González, a proposta nacionalista vai encamiñada cara a contratación laboral das persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, a saber, mulleres, mozas e mozos, desempregad@s de longa duración e desempregad@s maiores de 45 anos, a@s que se lles fará un contrato que terá a duración mínima de un ano.
O BNG propón que a convocatoria para as persoas interesadas permaneza aberta durante o período de vixencia do plan e contará cun crédito de 2 millóns de euros. Apuntaba Ximena González que esta cantidade permitirá a contratación de 300 persoas e que as subvencións do Concello financiarán até un 25% dos custos salariais.
Asemade, o emprego que se cree deberá fomentar os sectores estratéxicos da cidade como son o termalismo, a industria textil, os servizos de atención a maiores e dependentes, a cultura ou as novas tecnoloxías. Para isto, concederanse créditos sen xuros a través da caixa de crédito local que como explicaba o portavoz do BNG servirán para financiar os gastos de constitución até un máximo de 15.000 . Cada convocatoria -2014, 2015, 2016- estará dotada de 1 millón de euros e as devolucións dos préstamos serán reintegrados á caixa de crédito local nun período de 4 anos con un ano de carencia. Esta fórmula permitirá ter os fondos necesarios para seguir financiando proxectos nos anos seguintes. As empresas participantes deberán ter o seu domicilio fiscal en Ourense.
Os nacinalistas tamén fixeron fincapé no seguimento que se fará dos proxectos e das empresas que participen no plano de emprego xa que terán que comprometerse coa devolución dos préstamos e a cumprir coas posíbeis sancións que se lle impoñan en caso de non cumpliren cos obxectivos.
Por outra banda, parte da liña de crédito tamén irá destinada para empresas ourensás xa creadas que desenvolvan proxectos innovadores ou de expansión de negocio sempre que xeren emprego.
O grupo municipal anunciou outras medidas que complementarían o plan de emprego e que van encamiñadas na reorganización do Centro de Iniciativas Empresariais de Ourense, na posta en común dos recursos de formación e asesoramento das administracións e institucións que hoxe están traballando para a posta en marcha desta iniciativa e o cumprimento do acordo plenario de contratación pública local, ética e responsábel.
O BNG non quer demoras e traballará a reo para que o plan de emprego empece a funcionar en xaneiro do 2014.