O BNG pide que o Consello Municipal de Deportes se dirixa á Xunta para reclamarlle solucións ás múltiples eivas existentes no Estadio do Couto pese á reforma levada a cabo recentemente

GFHOoyRX0AAvxZ_
Estadio do Couto

Desde o Grupo municipal do BNG entenden que a reforma levada a cabo polo Executivo galego e no que se investiron preto de dous millóns de euros, “non resolveu as deficiencias da instalación tal e como xa advertimos no momento de coñecer o proxecto”

Os nacionalistas promoveron este venres, na reunión semanal do CMD, “a necesidade de que se lle traslade á Xunta de Galiza o descontento municipal por unha reforma moi pouco acaída, que deixa moito que desexar e que mesmo xera novos problemas que antes non había”

O BNG pide que o Consello Municipal de Deportes se dirixa á Xunta para reclamarlle solucións ás múltiples eivas existentes no Estadio do Couto pese á reforma levada a cabo recentemente

Ourense, 12 de abril de 2024. Xa no mes de xuño de 2021 e a través do Grupo Parlamentar no Pazo do Hórreo, o BNG interesouse polos plans da Xunta de Galiza no Estadio do Couto. O certo é que meses despois, a Xunta e o Concello de Ourense anunciaban a bombo e prato unha actuación próxima aos dous millóns de euros no Estadio e que, segundo informaba a propia Xunta, “transformaría o recinto nun espazo moito máis funcional e polivalente”.

Para o Grupo municipal do BNG e tal e como manifesta o seu Portavoz e membro do Consello Municipal de Deportes Luís Seara, “nós xa advertimos daquela que con esta actuación non se solucionaban as verdadeiras eivas do Estadio pois seguimos tendo problemas estruturais, de accesibilidade e mesmo de seguridade. A Xunta segue a enterrar cartos en reformas que en realidade son parches cando o realmente necesario sería abordar a construción, no propio espazo do actual, dun novo Estadio que responda ás necesidades actuais de clubs e afeccionados”.

Logo de terse inaugurado a tan cacarexada reforma o pasado domingo no partido disputado pola UD Ourense diante do Betanzos CF, na reunión semanal mantida este venres polo Consello Municipal de Deportes (CMD) e ante o consenso existente entre a maioría dos Grupos municipais de que a reforma non responde ás necesidades reais da instalación e o feito de que non se abordaran cuestións relativas á mellora da accesibilidade, seguridade, iluminación, megafonía, cabinas de radio entre outras, desde o BNG instouse á presidencia a “que desde o propio CMD se lle dea traslado á Xunta de Galiza de todas as eivas aínda presentes no Estadio así como do descontento xeralizado pola reforma levada a cabo”.

Seara entende preciso “que o Concello de Ourense, a través do CMD, esixa solucións a unha reforma consistente básicamente en chapa e pintura pero que non resolveu os problemas estruturais da instalación”.

Iniciativa parlamentar.

Ao tempo, o Deputado Iago Tabarés, adianta que trasladarán ditas queixas e reclamacións á Xunta de Galiza “a través dunha Proposición non de Lei que rexistraremos nos vindeiros días no Pazo do Hórreo”.

O BNG pide que o Consello Municipal de Deportes se dirixa á Xunta para reclamarlle solucións ás múltiples eivas existentes no Estadio do Couto pese á reforma levada a cabo recentemente