O BNG pide responsabilidades políticas ao grupo municipal do PSOE
O PP, a través da súa proposta, formula unha moción de censura encuberta que non se atreve a propoñer abertamente, acompañada dun programa de goberno xa que non soamente propón a reprobación do alcalde senón a súa demisión. Práctica absolutamente covarde e iresponsable e, ademais, feita polo partido político menos indicado para falar de transparencia nas contas.
Ante esta convocatoria o Consello Local do BNG acordou trasladarlle ao pleno as seguintes consideracións:
- Que por parte do grupo socialista se reintegren ás arcas municipais as cantidades adicadas a gastos que non son propios da acción política.
- Depuración de responsabilidades políticas no seo do Grupo Municipal do PSOE. Da consideración anterior derívase a necesidade de que o grupo municipal socialista asuma o compromiso de depurar responsabilidades políticas por estes comportamentos. A cidadanía merece, non só unha explicación e unhas disculpas, senón que se asuman responsabilidades e que se actúe en consecuencia.
- Antes do próximo pleno, a través da Xunta de Voceiros, elaborarase unha proposta onde apareza, con toda nitidez cales son as finalidades, non soamente legais senón ética e moralmente aceptables dos recursos que se destinan aos grupos municipais e os mecanismos para que a cidadanía coñeza con toda clase de detalles o seu destino. Esta proposta terá que ser aprobada no Pleno da Corporación. Xa que nós entendemos que a financiación pública aos grupos políticos é necesaria para que cumpran acaídamente as súas responsabilidades diante da cidadanía.
Estes condicionantes son, para nós, determinantes á hora de fundamentar a nosa posición de voto no pleno extraordinario que se celebrará mañá.