O BNG pídelle explicacións á Xunta sobre a situación sanitaria na residencia de maiores "os Gozos" no Pereiro de Aguiar
Desde o Grupo Parlamentar cuestionan a eficacia das medidas e dos protocolos establecidos logo de detectarse un gromo de 153 casos dos 192 residentes e que afecta tamén a máis do 30% do persoal
Ourense, 14 de outubro de 2020. O Grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego pediralle explicacións á Xunta de Galiza a través de diversas preguntas para resposta oral tanto na comisión 5º como no propio pleno da cámara galega.
A iniciativa parte dos deputados nacionalistas por Ourense, Noa Presas, María González Albert e Iago Tabarés, quenes reclaman da administración autonómica aclaracións sobre os protocolos seguidos e os erros cometidos na detección e seguimento de casos nesta residencia.
Para o BNG constátase novamente a existencia de gromos en residencias de maiores detectadas tardíamente e cando atinxen á práctica totalidade tanto dos usuarios como dos traballadores e traballadoras. Concretamente os nacionalistas poñen o foco no acontecidos estes días na residencia de maiores de "os Gozos", ubicada no Concello de O Pereiro de Aguiar e onde se ven de detectar un gromo que afecta a 153 usuarios dos 192 residentes e a máis do 30 % do persoal que presta servizo na mesma.
Esta situación, a ollos do BNG, evidencia que as medidas adoptadas pola Xunta de Galiza ou ben non se executan ou ben son claramente insuficientes. A entidade privada que xestiona a residencia ven de comunicar que os resultados da proba realizada tardaron 5 días en comunicarse, tempo durante o cal, e ante a ausencia de síntomas, todas as traballadoras e traballadores seguiron desenvolvendo as súas tarefas con total normalidade. O resultado da proba foi que un dos traballadores era positivo en Covid-19.
Para os nacionalistas, esta tardanza na comunicación dos resultados permitiu que esa persoa seguise traballando, e polo tanto, puidese ter contaxiado tanto ao resto do persoal como aos propios pacientes, o que, para o BNG, demostra a inutulidade das probas realizadas se existe demora na comunicación dos resultados, xa que entenden que a eficacia das probas de detección vai intrínsecamente ligada á axilidade na comunicación dos resultados das mesmas. Poñendo tamén de manifesto a nula eficacia das medidas preventivas postas en marcha e encamiñadas a evitalo contaxio.
Por todo elo, o Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo preguntaralle ao goberno galego se detectou algún erro nas probas realizadas na residencia "Os Gozos" de O Pereiro de Aguiar e se ese foi o motivo de que a comunicación dos resultados se adiasen ata 5 días.
Tamén queren saber os nacionalistas cómo é posible que non fose detectada a presenza do virus ate que a práctica totalidade dos residentes e traballadores estivesen infectados e, en todo caso, qué medidas ten previsto adoptar a Xunta de Galiza para previr que o acontecido na residencia de maiores de "Os Gozos" no Pereiro de Aguiar non volva acontecer en ningunha outra do resto do país.