O BNG pregunta polo ERE na Deputación de Ourense

O BNG pregunta polo ERE na Deputación de Ourense

O Presidente da deputación ven de anunciar, a través dos medios de comunicación, un Expediente de Despido Colectivo na Institución Provincial, que afectará a partires do 1 de febreiro de 2013 a 32 traballadores/as con contrato indefinido na institución provincial.

Segundo explicou a medida obedece a razóns «económicas e organizativas».

Para o BNG a adopción desta medida por parte do Presidente da deputación é a demostración palmaria de que o PP non ten alternativas á saída da crise, nin económicas nin sociais, e está apostando por políticas cuxos resultados están xerando únicamente máis paro e máis pobreza, políticas que tamén inciden no sector público, que, como se pode aprezar, non queda a salvo da situación. É a plasmación do fracaso da politica do PP, que non ten máis alternativas que recortar. NON TEN ALTERNATIVAS ECONÓMICAS.

Por outra banda, esta decisión reflicte o que o BNG e a sociedade Ourensá coñece e que non é outra que a constatación dos excesos derivados dun xeito de entender esta Institución, que acabou xerando un monstro de enormes proporcións que é imposible de xestionar no actual marco económico e do que agora se empezan a ver as consecuencias, que probablemente non sexan as únicas.

Diante deste anuncio, omitido deliberadamente aos grupos da oposición, a pesares de ser preguntado polo BNG no recente Pleno ordinario, o Grupo Provincial do BNG ven de SOLICITAR a seguinte documentación:

1.- MEMORIA ECONÓMICA XUSTIFICATIVA QUE SERVIU DE BASE Á PROPOSTA.

2.- INFORME XURÍDICO E DE INTERVENCIÓN QUE CONSTE NO EXPEDIENTE

3.- RELACIÓN NOMINAL DETALLADA DAS PERSOAS AFECTADAS POLO DESPEDIMENTO, COMPRENSIVA DE POSTO DE TRABALLO, ANTIGÜIDADE NO POSTO, INDEMNIZACIÓN PREVISTA.

Ourense, 5 de decembro de 2012

GRUPO PROVINCIAL

O BNG pregunta polo ERE na Deputación de Ourense