Moción en contra da supresión do Bacharelato de artes escénicas, música e danzas
Xunto á persecución das linguas propias das nacións sen estado, a desaparición das materias sobre educación cívica e a recuperación das materias optativas á relixión, temas que estes días centran o debate, unha das barbaridades que o Ministerio de Educación pretende coa Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE) é a eliminación desta modalidade de bacharelato.
No caso de Ourense, isto afectaría ás rapazas e os rapaces que levan anos cursando estudos de música no conservatorio de Música Profesional e que teñen a intención de escoller, ou os que xa escolleron, unha vía do bacharelato que lles permite combinar os estudos de bacharelato coa súa vocación pola música.
Na actualidade, este bacharelato está funcionando en Ourense con grande éxito de demanda e de resultados académicos mediante un sistema de validacións polo que unha parte do horario lectivo se imparte no IES As Lagoas mentres que as materias específicas se imparten no propio Conservatorio.
Isto non só lles permite ás alumnas e alumnos compatibilizar unhas ensinanzas moi esixentes que implican moitas horas de estudo e de práctica senón que lles abre a vía universitaria ao poder facer a selectividade.
Ante as protestas da comunidade educativa afectada, responsables do ministerio indicaron que en realidade non se suprime este bacharelato. Pero o certo é que, se se mantén o texto actual da lei, vai ser imposible ofrecer estas materias dentro dun currículo que vén absolutamente marcado desde o Ministerio e que lles deixa pouca marxe ás comunidades autónomas, e aos centros educativos, para ofrecerlles diferentes opcións a alumnos que o poidan demandar.
Medidas como esta non se xustifican pola actual conxuntura económica posto que o custo é inexistente ao se impartiren as clases en dous centros que xa estaban funcionando e co mesmo profesorado. Trátase máis ben de medidas de carácter ideolóxico que poderían ser o primeiro paso para a eliminación dos Conservatorios de Música do sistema público de ensino.
Ourense, 5 de decembro de 2012