O BNG propón ao Concello unha campaña de prevención de lumes
O pasado verán arderon 207ha no Concello de Ourense
O Grupo Municipal do BNG propuxo a través da Xunta de Área de Meio Ambiente que o Concello de Ourense inicie unha campaña de prevención contra os lumes centrada na necesidade de manter limpo o perímetro rural para evitar, na medida do posíbel, os lumes.
A Xunta de Galiza aínda non se puxo en contacto co Concello de Ourense para preparar as labores de prevención de lumes que previsibelmente chegarán tarde unha vez máis. Ante a incapacidade da institución de plantexar políticas de prevención o BNG considera imprescindíbel que o Concello de Ourense leve a iniciativa e traballe para impedir que se produzan situacións como a do pasado verán no que arderon máis de 200ha no termo municipal.
A concelleira nacionalista Ximena González sinalou que 'é imprescindíbel unha política seria de prevención, a través do aproveitamento forestal e de pór a producir o noso monte. Na cidade a prevención pasa por ter limpo o perímetro rural, a Xunta ten que facer a parte que lle corresponde e o Concello tamén' e en relación á proposta que o BNG fixo na Xunta de Área de Medio Ambiente explicou 'pedimos que se faga unha campaña de divulgación entre as veciñas, lembrarlles que é importante limpar e adecuar as zonas do perímetro para evitar males maiores, e facelo agora, con tempo, antes de termos as altas temperaturas enriba, previr para non termos que lamentarnos en setembro do que se debía facer e non se fixo'.
Ourense, 19 de maio de 2014