O Voto do BNG en Europa defenderá a sanidade pública
O candidato nacionalista, Manuel González Moreira, advertiu do perigo da entrada das empresas privadas nos servizos públicos
O candidato do BNG ás eleccións europeas, Manuel González Moreira médico e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública- mantivo hoxe en Ourense un encontro con traballadoras e traballadores da sanidade. Estiveron tamén a deputada Tereixa Paz, a concelleira Ximena González e Xosé Somoza.
Representantes das matronas, enfermeiras-os, celadoras-es, servizos administrativos e de ambulancias expuxeron as súas experiencias laborais logo dos recortes que vén sufrindo a sanidade nos últimos tempos. Todas e todos coincidían en que a sanidade pública está a viver un deterioro que afecta non só a traballadores senón, e sobor de todo, aos enfermos.
González Moreira apuntou que as listas de espera dende o ano 2009 aumentaran de 34.000 a 38.100 pacientes e que si as camas pechadas no ano 2009 eran 454 a día de hoxe son 1.095. Por moito que o goberno galego queira maquear os datos a realidade é ésta, o servizo á cidadanía non interesa porque o que prima é reducir o déficit que nos impoñen dende Europa.
Neste senso, o candidato nacionalista fixo un chamamento á participación e á importancia de que o BNG teña voto no Parlamento Europeo para defender unha sanidade pública de calidade e voto tamén para frear a entrada da empresa privada nos servizos públicos o que provocaría mais precariedade laboral e peor atención sanitaria.
Si a situación da sanidade en Galiza é lamentábel, en Ourense vese agravada en moitas áreas. A representante das matronas comentaba que en atención primaria só hai 9 profesionais mentres na Coruña son 80 matronas. Seguen sen cubrirse as baixas por enfermidade e vacacións e son vítimas dunha precariedade laboral nunca vivida con anterioridade. A experiencia das matronas pode trasladarse ao resto de profesionais.
Ourense, 19 de maio de 2014