O BNG propón a creación dun Banco Municipal de Libros de Texto

O BNG propón a creación dun Banco Municipal de Libros de Texto

O Grupo Municipal do BNG rexistrou onte unha moción para o debate do vindeiro Pleno do Concello de Ourense na que propón a creación dun Banco Municipal de Libros de Texto que estea en funcionamento en xuño de 2014.

O mes de setembro é o mes da volta ao colexio e polo tanto o mes no que unha serie de gastos ineludibles golpean a precaria economía de moitas familias ourensás. A adquisición obrigatoria dos libros de texto, logo de que a Xunta de Feijóo suspendera en 2009 a súa gratuidade, supón en moitas ocasións un importante contratempo para nais e pais, que dependendo do número de fillos e fillas poden necesitar unha cantidade suficientemente elevada como para non poder culminar con éxito esta particular costa do inicio do curso escolar.

Noutros concellos do país estanse articulando bancos municipais de libros de texto que funcionan a través de vales e de compromisos por parte das persoas usuarias, e que supoñen un importante aforro para cada familia, as veces vital en tempos de crise estrutural como a que vivimos.

Hoxe en día funcionan en Ourense pequenas experiencias a través das ANPAS de diferentes colexios que optan polo modelo de bancos ou mercados de libros de texto. Porén, o Grupo Municipal do BNG considera que estas iniciativas poderían ter un alcance moito maior se fosen coordinadas polo Concello de Ourense, e concretamente pola Concellería de Educación, que realizaría desta forma unha primeira campaña de recollida e entrega de vales ao finalizar o curso, unha valorización e depósito durante as vacacións escolares e unha posterior entrega antes do inicio do novo curso. As experiencias municipais son abondas como para poder elaborar o modelo acaído para Ourense en pouco tempo e que o Banco Municipal de Libros de Texto poida funcionar xa no remate do curso escolar 2013-2014.

O Grupo Municipal do BNG presenta esta moción coa intención de recibir o apoio das outras formacións políticas, pois de aprobarse suporía unha medida que sin custe económico para o Concello permitirá a moitas nais e pais ourensás reducir o gasto familiar do vindeiro mes de setembro.

O BNG propón a creación dun Banco Municipal de Libros de Texto