O BNG urxe a revisión da RPT para evitar que o PSOE privatice servizos públicos
A xestión chapuceira da Dirección Xeral de Recursos Humanos conduce á privatización do servizo de conserxes dos centros cívicos de Ourense.
A pasada semana, o xulgado anulaba as contratacións deste persoal porque dende o Concello non se xustificou debidamente a súa urxencia e necesidade. Agora, o grupo de goberno escúdase nesta sentenza para externalizar o servizo e que sexa unha empresa a que contrate ao persoal.
O BNG critica a tendencia que o PSOE amosa nos últimos tempos por privativar os servizos públicos que dependen do concello. Así, o persoal adscrito ao Banco de España e ao Claustro de San Francisco está contratado a través de asistencias técnicas -o BNG solicitou o expediente de contratación hai tempo pero aínda non se lle facilitou-. Tamén acordou o grupo de goberno aprobar a contratación mediante procedemento aberto do servizo de asistencia a recadación municipal.
Os nacionalistas manifestan que non sería necesario recurrir á externalización dos servizos si se fixera unha revisión da RPT, tal e como o BNG reclamara a entón concelleira non electa, Carmen Rodríguez Dacosca, hai xa case dous anos, definindo e reordenando os efectivos de persoal para que, a través dun informe, se clarificara cales son as áreas que precisan máis persoal ou cales están sobredimensionadas. Deste xeito, poderíase xustificar que hai servizos e instalacións que, para poder abrir, precisan da dotación de persoal, como por exemplo o Espazo Lusquiños.