O BNG propón reforzar o apoio da Deputación ao idioma galego a través dos Servizos de Normalización Lingüística.

Bernardo Varela “as Deputacións deben asumir tamén as súas responsabilidades e obrigas no ámbito da normalización lingüística, impulsando, colaborando e cooperando cos concellos para que estes poidan contar con servizos e desenvolver accións e medidas de cara ao fomento do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais.”
O grupo provincial do BNG de Ourense compareceu en rolda de prensa para dar a coñecer a proposta do grupo nacionalista para que a Deputación de Ourense axude a promocionar o idioma galego desde a institución e colabore cos concellos para acadar unha solución a dramática situación que padece o idioma. Unha preocupación cidadá de gran magnitude como se evidenciou tras a multitudinaria e masiva manifestación que tivo lugar onte en Compostela, indicou Bernardo Varela, voceiro do BNG na Deputación de Ourense.
No proceso de normalización lingüística as administracións públicas teñen a obriga legal e a responsabilidade social de apoiar e promover ese proceso, para o que deben implementar políticas lingüísticas activas. E, deste xeito, sinalou o voceiro nacionalista, as deputacións, que deben ter como finalidade principal a de colaborar e cooperar na xestión da actividade municipal, deben asumir tamén as súas responsabilidades e obrigas no ámbito da normalización lingüística, impulsando, colaborando e cooperando cos concellos para que estes poidan contar con servizos e desenvolver accións e medidas de cara ao fomento do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais.
Propoñenmos, sinalou Varela, que desde a Deputación de Ourense se cree un programa de cooperación con concellos para o fomento do galego desde os concellos, para que estes poidan contar con Servizos de Normalización Lingüística co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais dos municipios e comarcas.
A proposta dos nacionalista diríxese principalemnte a concellos medianos, de entre 5.000 e 20.000 habitantes para procurar que poidan contar con SNL propio, mais tamén a concellos pequenos, de maneira que se fomente que estes compartan SNL con municipios limítrofes que sumando os seus habitantes cheguen, como mínimo, a esa poboación duns 5.000 habitantes. Para esto debe asignarse unha cuantía económica suficiente desde a Deputación, para impulsar realmente a creación e mantemento dos SNL. “Propomos que se lle dedique unha contía que rolde os 20.000 euros anuais para cada SNL” . Ademais este programa establecerá o obxectivo básico dos SNL (o incremento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais), as súas funcións (xerais internas, de dinamización lingüística, de formación e de asesoramento) e os criterios mínimos consensuados en canto a categorías profesionais, perfís, etc. Que o programa inclúa medidas e mecanismos que faciliten a coordinación e accións conxunta entre os diferentes SNL.
Así mesmo os nacionalista instan á Deputación de Ourense a que o Servizo de Normalización Lingüística ademais da acción normalizadora no seo da propia entidade, sexa o organismo técnico encargado de planificar accións de fomento do uso e prestixio do galego para seren implementadas en colaboración cos SNL dos concellos e outras entidades, para que así cheguen ao maior número de ámbitos, sectores e cidadáns e cidadás posible, e de xeito planificado e coordinado.
Para rematar, o grupo nacionalista demanda que a o ente provincial cree un plan de actuación e/ou regulamento transversal para o fomento da lingua a través do que se establezan criterios lingüísticos e medidas transversais en todas as súas accións e áreas de actuación, de xeito que con todas elas se procure o incremento social do uso e prestixio do galego. Esas medidas e criterios lingüísticos básicos proponse que se teña en conta tanto en accións propias que a deputación desenvolva en todas as súas áreas como naquelas bases ou criterios que se apliquen á hora de conceder subvencións, de asinar convenios, de concesionar servizos, etc.
Actualmente a Deputación de Ourense conta cun orzamento para a promoción do galego de 105.516,42 € correspondente a dúas prazas de tradutores de lingua Galega, unha delas vacante; 5.000€ para arrendamentos e cánones e 1.000€ para utensilios do gabinete, En total 111.516,42 €Un persoal e uns fondos evidentemente insuficientes para afrontar unha tarefa tan ampla e diversa como as anteriormente mencionadas