O BNG pedirá en Pleno unha nova ubicación para o Punto de Encontro Familiar de Ourense

Desde o Grupo municipal nacionalista reclamarán unha nova ubicación debido a que “actualmente o Punto de Encontro comparte instalacións na Casa da Xuventude, situación que é insostible xa que compartir espazo resta privacidade e confidencialidade, alén de xerar outras problemáticas”
Ourense, 26 de febreiro de 2025. Os Puntos de Encontro Familiar (PEF) son ferramentas impulsadas para dar cumprimento ao autogoberno en materia de política social e de protección das e dos menores e cuxo principal obxectivo é garantir a existencia dun lugar adecuado que facilite a relación materno/paterno-filial, asegurando o benestar e a seguridade das e dos menores en familias en situacións de conflito, chegando a converterse “nun recurso imprescindible para a nosa sociedade e proba diso é que viu incrementada a súa demanda de xeito exponencial”.
O Grupo municipal do BNG, vén de rexistrar unha moción para ser debatida no Pleno que o Concello ten previsto desenvolver o vindeiro día sete e no que reclamarán unha nova ubicación para o Punto de Encontro Familiar da cidade de Ourense xa que, segundo sinala a Concelleira Erea Blanco, “o actual, situado na rúa Celso Emilio Ferreiro, acumula recorrentes queixas. Por unha banda, pola acumulación de casos por ser até o momento a única referencia para esa parte do país, o que supón para moitas crianzas desprazamentos de horas para poder realizar as visitas e unha maior dificultade organizativa”.
“Por outra, polas propias condicións das súas instalacións, xa que no 2013 a Xunta de Galiza trasladou as súas instalacións á Casa da Xuventude. Esta situación, obviamente, implica enormes dificultades para garantir o dereito á privacidade, mais tamén para o desenvolvemento da actividade pola limitación do espazo”.
Blanco insiste en sinalar que “a ubicación actual non cumpre co establecido na lexislación que lle é de aplicación xa que as actuais instalacións non son adecuadas porque non garanten a privacidade e a seguridade de forma suficiente, tal e como xa ten demandado o feminismo ourensán en múltiples ocasións, como no ano 2019, en que a Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres recolleu sinaturas ante unha serie de situacións de violencia institucional e de revitimización que dirixiu á entón Consellaría de Política Social”.
Erea Blanco afirma que “desde o BNG pediremos o apoio do resto da Corporación para instar á Xunta de Galiza para que impulse o traslado do Punto de Encontro Familiar a un novo emprazamento, de modo que permita cumprir adecuadamente as súas funcións, garantindo que non hai demoras no exercicio dos dereitos das persoas usuarias e que se dan as condicións necesarias para garantir a confidencialidade e, moi especialmente, para prever e atender calquera caso no que poida concorrer a existencia de violencia machista”.